Facer concello, cumprir soños

Antonio Leira CONCELLEIRO DE OROSO

SANTIAGO

14 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Avida é como unha obra de teatro na que pouco a pouco imos escribindo o noso propio guión, mais dentro diso coñeces persoas que te marcan… cunhas compartes momentos, ata experiencias e incluso confidencias, unhas pasan e outras quedan para sempre. Grazas, Manolo Mirás, o meu alcalde.

Ás veces non é fácil expresar sentimentos e mesmo opinar sobre con quen compartes isto último, xa dás por feito que o sabe e quizais ese sexa un error importante. O maior error, diría.

Non só pasaches pola miña vida, senón tamén pola de moitas persoas ás que fixeches posible unha mellor calidade de vida, mellorando e poñendo os cimentos na construción dun pobo e dunha sociedade.

Lembro o teu esforzo para loitar porque todos os veciños tivesen traballo, fuches quen de coñecer a realidade do concello e saber transformalo, non obviaches á xente polas súas ideas, aínda que non te votaran, tamén os representabas e mereceron a túa atención.

Sempre pensando nun concello para os nosos fillos, con parques e zonas de xogo seguras, un pobo para todos. Pensando nese «Oroso para vivir».

Cunha continua pelexa para que teñamos bos accesos, unha loita continua para que teñamos os mellores servizos sanitarios e benestar social, e un mellor ensino, unha cultura e deporte que nos faga mellores persoas e nos sirva de guía para dicir con orgullo e humildade «Somos de Oroso».

E todo isto e máis conseguiuse con diálogo, escoitando os veciños/as, insistindo, pelexando alí onde fose preciso, tamén con bágoas secas e algún berro de impotencia cando as cousas non saían ou non era posible, e algo importante, observando e tendo en conta os valores das persoas e «facendo concello» con honestidade.

Facendo un concello atractivo e con servizos para todos, esa foi a mellor maneira de que as persoas elixiran Oroso para construír os seus fogares e ver medrar as súas familias.

Grazas Manolo... Quen dixo que na política non se fan amigos non tivo a oportunidade de traballar ao teu lado e comprobar que calquera imposible se converteu nun reto que superamos, e calquera iniciativa foi motivo para a ilusión e para facer medrar o concello.

Calquera cousa que eu puidera dicir non estaría a altura para describir o teu traballo e compromiso. É certo que a vida seguirá a ser unha obra de teatro e teremos cada un que seguir escribindo o noso propio guión, mais eu tiven a sorte de que na miña historia ocupes un lugar importante... mentres tanto, cada un seguirá a escribir a súa propia historia e Oroso será testemuña.