O apego de Laxeiro pola cultura popular, nun conto para Farruco

Por Sonia Portela

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O humorista compostelán recibiu do pintor ese obsequio despois de convidalo a facer o cartel do Día das Bandas de 1980

24 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Luís Bernal, Farruco, (Santiago, 1949) é coñecido pola súa faceta de humorista e actor, mais na súa andaina tense somerxido en máis vertentes do mundo cultural. Foi o seu apego pola música popular o que o impulsou a organizar, no marco das Festas do Apóstolo, unha xornada de homenaxe ás bandas de música galegas, na que distintas agrupacións se reunían para tocar xuntas e gozar dunha comida de confraternidade. Durante 31 anos, desde 1979, o coñecido como Día das Bandas foi unha das citas máis agardadas para os composteláns nas Festas do Apóstolo. Farruco, firme defensor do talento galego, implementou a norma de que os carteis que anunciasen o evento debían ser realizados «polos pinceis máis egrexios de Galicia». Foi así como nunha tarde de principios de xuño de 1980 se citou co recoñecido pintor lalinense Laxeiro (José Otero Abeledo, 1908-1996), grande renovador da arte galega, para tomar un café e falar un chisco. Alí, expúxolle a idea de «dignificar o Día das Bandas cun cartel coa súa firma». Laxeiro aceptaría encantado. Poucos días despois, Farruco recibiría del «un emotivo e entrañable conto manuscrito, ilustrado cun deleitoso debuxo». Neles, plasmou «a súa sensibilidade, a arte e o amor ás xentes e á cultura popular da nosa terra». Vinte e cinco anos despois do pasamento do pintor, Farruco recupera o conto e o debuxo, case inéditos, para honrar o seu recordo. Velaquí a transcrición do conto.

Manuel do caseiro, dende neno, reloucaba de contento cando sentía tocar unha banda de música. Ós dezaseis anos fixo grandes esforzos por aprender algo de solfeo co mestre da banda de «Gregorio». Parece que Manuel non tiña grandes condicións para o que tanto desexaba; ademais, era fillo dunha moza solteira que gañaba a vida de xornaleira nas casas de labranza. Con aqueles xornais, a nai foille pagando un bombardino que lle comprou para Manuel, á Consuelo de Cuñano, o único recordo que lle quedaba a esta do seu home, morto na guerra de África. O Manuel, tan pronto foi dono daquel instrumento, púxose tolo e xa non volveu máis a casa da súa nai. Recorreu toda a nosa terra, parroquia por parroquia, e casa por casa, tocando tonadas inventadas. Ata que unha mañá de xeada apareceu morto no camiño real da «Romea», abrazado o seu bombardino. Contaba cincuenta anos aquel louco polas nosas bandas. Eu, que son un tolo máis por elas, xa conto setenta e dous.

 

«Compra un, doa un»

Kellogg's e Supermercados Gadis doaron 7.500 paquetes de cereais ao Banco de Alimentos de Santiago, grazas á campaña «Compra un, doa un». En marzo e abril, por cada paquete vendido de Special K e W. K. Kellogg, doábase outro. Así, puidéronse destinar 2.568 quilos de cereais a familias desfavorecidas de Galicia e Castela e León. Na entrega participaron José Luis Fernández e Amparo Lobato, por Gadis e Kellogg, e José Pita, presidente da Federación Galega de Bancos de Alimentos.

FORXÁN
 

Concurso solidario

Capital Energy doou 3.000 euros á Fundación de Discapacitados Psíquicos de Barcala, que dirixe Rosa Tuñas. A empresa promoveu un concurso entre os seus empregados para impulsar actuacións de desenvolvemento sostible, e os gañadores puideron elixir a que oenegué destinar o importe do premio. Xabier Monteagudo e Erika Escolar, por Capital Energy, fixeron a doazón en Negreira, e asistiu o alcalde, Manuel Ángel Leis.