Arte e ciencia esbozan a Galicia que vén

m. g. iglesias SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

«Galicia futura», que reúne máis de 70 pezas no Museo Gaiás, profunda na identidade propia

07 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Galicia que vai ser. Ou de xeito máis preciso, a Galicia que xa é, con eses pasos que xa está dando e que marcarán os seus próximos anos. Iso é Galicia futura, a exposición que pode verse no Museo Gaiás ata o 9 de xaneiro na se que bosquexan eses camiños por percorrer. E faino conxugando arte e ciencia, tecnoloxía e creatividade. Artistas visuais, poetas, cineastas e pintores convivindo con catedráticos de Química, Telecomunicacións e representantes do mundo empresarial para poñer o colofón a un relato de Galicia iniciado no 2019. A mostra pecha a triloxía de grandes proxectos expositivos organizados pola Xunta con motivo do Xacobeo, que comezou con Galicia, un relato no mundo e continuou con Galicia, de Nós a nós para coñecer a interacción histórica que tivo o territorio galego co resto do mundo e amosar o que somos, respectivamente. 

«Con esta exposición trátase de proxectar o que queremos ser a medio e longo prazo», asegurou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, durante o foro de La Voz de Galicia sobre Galicia futura. Un encontro que contou para debullar as claves da mostra cos seus comisarios, os divulgadores no eido da arte e da ciencia Miguel Ángel Cajigal e Deborah García Bello, respectivamente, así como a escritora Estíbaliz Espinosa e o catedrático de Química Física da Universidade da Coruña, Moisés Canle, membro do consello científico asesor do proxecto. Porque se por algo se caracterizou o desenvolvemento desta exposición foi pola interacción entre distintos ámbitos do coñecemento ao unir a un equipo de medio cento de artistas e científicos galegos.

Galicia futura é o resultado dun traballo multidisciplinar -«tivemos clara esa idea desde o principio», di Deborah García Bello- na que decidiron usar a arte como canle de comunicación de diferentes ámbitos de coñecemento. Son pezas de artes visuais, escénicas, literarias ou audiovisuais as que, cun importante compoñente didáctico, axudan a achegar ao público proxectos científicos pioneiros que se desenvolven en Galicia. Pódese entender que é un circuíto multicapa a través dunha peza pictórica, os avances da xenómica a partir dunha acuarela ou falar de nanotecnoloxía cunha tira cómica. «A arte sempre estivo da man da ciencia, non foi algo que inventaramos nós, senón que o que fixemos foi recuperar esa idea», incidiu Miguel Ángel Cajigal sobre un relato que conta con obras inéditas.

Na mostra conviven pezas de artistas como Oliver Laxe, Marta Pazos, Chelo Matesanz, Vítor Mejuto ou Álvaro Negro co primeiro vehículo autónomo feito en España ou os robots que coidan persoas. Pero tamén están as raíces. Está Maruja Mallo, Urbano Lugrís e un puñal prehistórico de antenas. «Hai unha serie de figuras que veñen do pasado para falarnos do futuro. [...] Sempre nos facemos un pouco de trampa cando cremos que o futuro está soamente nas mans das xeracións máis novas. Non é así, nós queremos que o pasado, esas miradas que viron moitos futuros, estean representadas na exposición», afirmou Cajigal. Unha ollada ao pasado, que segundo explica García Bello, os leva a rescatar valores do Laboratorio de Formas, caso da transversalidade e a identidade. «O valor do propio está en todas partes. Por exemplo, en Galicia empregamos mexillóns para facer formigón, usamos residuos que convertemos en recursos. Nós fomos sustentables antes de que fora tendencia», engadiu a comisaria.

Unha combinación de arte e tecnoloxía para conformar unha imaxe da Galicia futura, non futurista. «Son cousas que están acontecendo xa, o que non queriamos é poñernos a soñar. Queriamos ver como está o presente, que cousas se están facendo xa e outras que están a piques de ser, descubrimentos recentes, empresas que están con cousas innovadoras e ensinalas», incidiu Deborah García Bello. A intención «é facer que nos sintamos orgullosos do que temos aquí, a mostra transmite ese orgullo e ese optimismo de Galicia».

Unha mostra que achega unha imaxe de país que «dá orgullo aos galegos», di o conselleiro

«Mostra unha imaxe de Galicia moderna, innovadora, diferente e que lle dá orgullo aos galegos». Así se referiu o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, á mostra que se exhibe no andar primeiro do Museo Gaiás e que pecha a triloxía con motivo do Xacobeo. «Un obxectivo básico é que calquera que visitara as tres exposicións se sentise orgulloso do propio, un orgullo do propio san, sen carácter excluínte, que partindo do que somos, buscase o que nos une. Ter un orgullo como país do que temos, do que somos e do que queremos ser», engadiu.

O titular do departamento de Cultura da Xunta tamén resaltou o feito de que esta mostra parta de unir creatividade e arte con tecnoloxía e innovación para intentar albiscar as liñas do futuro a corto prazo. «O resultado é moi salientable. É moi difícil darlle unha coherencia a un discurso expositivo onde conviven artistas puros, xoves con moito talento, con profesores universitarios, ou un cineasta cunha persoa vencellada á xenómica. Son aspectos que nos deron unha visión ampla e nos axudan a mirar ao futuro, pero non de calquera maneira, senón coas raíces fondas que temos como galegos», afirmou.

O conselleiro, ademais, fixo fincapé no valor singular que lle achega a Galicia futura o feito de que parte das súas pezas foran feitas expresamente para ela, obras de artistas sobranceiros inéditas. «Estamos apoiando o talento xove», afirmou. Desde a Consellería de Cultura destinaran máis de 200.000 euros a desenvolver parte destes proxectos que agora se poden ver no primeiro andar do Museo Gaiás. Outro dos aspectos singulares no desenvolvemento desta exposición é o feito de contar cun comité asesor, «onde temos parte do máis sobresaínte da nosa creación artística, pero tamén do ámbito do coñecemento, da universidade, da empresa, dos sectores produtivos...».

En torno a 8.000 visitantes

Román Rodríguez fixo un chamamento a visitar unha mostra «atractiva desde o punto de vista da contemplación e da visualización», pero ao mesmo tempo «esixente, que require ao espectador que se meta dentro dela, que interaccione e participe do proceso expositivo». Nese senso, salientou que o carácter «moi innovador» que se lle dou a Galicia futura «resultou moi ben». Desde a súa apertura o 14 de xullo e cando aínda non se cumpriran as tres semanas xa se achegaba aos 8.000 visitantes.

A exposición Galicia futura chegou á Cidade da Cultura coincidindo co décimo aniversario da posta en marcha do primeiro edificio do complexo. «Fomos capaces de consolidar un proxecto cultural de primeirísimo nivel, que podemos dicir que está asentado, que é un proxecto de Galicia. Esta década serviu para asentalo, para deseñar novas funcións e facer un proxecto de país», engadiu o titular de Cultura. Agora, desde a Xunta están redactando un novo plan estratéxico «que quere relanzar, sacar o que se produce na Cidade da Cultura cara o resto de Galicia e a nivel internacional». Lembrou que xa fixeron accións nese sentido, como as mostras que itineraron. «Queremos converter a Cidade da Cultura nunha factoría de contidos, que produza contidos culturais, que sexa un piar fundamental da creación galega e internacional, que a través dela poidamos espallar a creación, a creatividade, ao conxunto do territorio». Para Román Rodríguez debe servir de porta por onde entran tendencias culturais, artísticas, a nivel internacional, pero tamén de porta de saída «para que os nosos creadores teñan unha plataforma que poida competir -no sentido de colaborar- con grandes institucións culturais para proxectar a nosa cultura polo resto do mundo».

XOAN A. SOLER

Artistas galegos crean vinte obras para a exposición do Gaiás

Medio cento de creadores e científicos traballaron para desenvolver o proxecto

M. G. Iglesias

Galicia futura ten moitos elementos singulares. Un deles é que preto de vinte das súas pezas foron creadas especificamente para este proxecto. Artistas de diferentes ámbitos como o cine, as artes plásticas, a escena ou a literatura reflexionaron sobre esa Galicia que vén. Entre eles o cineasta Oliver Laxe, que rodou unha curtametraxe; a dramaturga Marta Pazos, cunha instalación na que reflexiona sobre a identidade e feminismo; e Rubén Ramos Balsa, que enviou desde Singapur unha peza hipertecnolóxica inspirada na paisaxe galega e no Camiño. Pola súa banda, o cineasta Juan Lesta, o fotógrafo Damián Ucieda e o artista plástico Vítor Mejuto compoñen un tríptico desde os seus diferentes puntos de vista para abordar a arquitectura. Tamén destaca a peza da poeta Estíbaliz Espinosa, a realizadora Lucía Estévez e o físico Carlos Salgado en torno a obra de Maruja Mallo, ou o mural de Manuel Vázquez. Non falta a música, da man Wöyza , nin a literatura, con AldaoLado. «Toda a xente que participou tiña o ánimo de facer algo especial», dixo o comisario Miguel Ángel Cajigal durante o foro de La Voz de Galicia sobre a mostra.

 

A escritora Estíbaliz Espinosa resaltou a oportunidade que lle supuxo abordar a figura «dunha das grandes esquecidas das artes plásticas do século XX», en referencia a Maruja Mallo. Non é a súa única achega a Galicia futura. Dela tamén son os versos de cada un deses máis de quince pasos ou constelacións nos que se articula o percorrido expositivo.

Outra das singularidades é que se trata dun proxecto colectivo. E esa definición non é só porque reúna obras de diferentes artistas, senón pola propia concepción que tivo coa invitación a medio cento de creadores, de científicos e de expertos de diferentes eidos a reflexionar sobre os vieiros que percorrerá Galicia.

Da cociña á química

Entre os membros do consello científico asesor están María Mayán, investigadora do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña; Moisés Canle, catedrático de Química Física da Universidade da Coruña; Carlos Salgado, director do Instituto Galego de Física e Altas Enerxías; Edita de Lorenzo, doutora enxeñeira de Telecomunicación; Patricia García, presidenta do Círculo de Empresarios; a cociñeira Lucía Freitas, a deseñadora Nuria Carballo e Xosé Manuel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da USC. «Queriamos que nos explicasen o que estaba a acontecer non só no seu campo, senón tamén noutros eidos», explicou a comisaria Deborah García Bello.

Precisamente, un dos membros dese comité asesor, o catedrático Moisés Canle, destacou o integrador do proxecto. «Creo que o coñecemento especializado é algo do pasado, todo o que non sexa multidisciplinar está finiquitado», afirmou, para engadir que a mostra «daba unha oportunidade de mandar unha mensaxe optimista, de rachar con esa idea que temos de que non somos capaces de facer nada novo». A poeta Estíbaliz Espinosa cualificou de «enormemente enriquecedor» ese traballo conxunto: «Houbo unha simbiose absoluta entre todas as ideas».

 

Dun puñal de antenas prehistórico á «perovskiña» ou os vehículos autónomos

A Galicia futura é a do primeiro coche autónomo feito en España, a do robot asistencial para facer fronte aos desequilibrios demográficos, a da arquitectura coidadosa co entorno, pero tamén a que está ligada á tradición, a que non esquece as raíces. Todo ten unha razón de ser no percorrido polo primeiro andar do Museo Gaiás. Desde esa recreación artística do mapa de Fontán de Vítor Mejuto -«é un mapa que brilla, toda unha mensaxe: o futuro que temos por diante é así de brillante», dixo Deborah García Bello- ata a «perovskiña», un material de patente galega que arrefría ao premer sobre el e o visitante pode saber cantos grados logra baixar de temperatura unha superficie co seu peso. Tamén destaca a múltiple presenza de bivalvos, porque falan de xenómica, de novos materiais como o formigón de mexillón, e tamén de paisaxe e o Camiño, precisamente, na mostra pódese ver a cuncha máis antiga de peregrino conservada -data de hai 900 anos-.

Identidade e raíz

Ligar toda esa variedade de elementos, obras artísticas e novos avances científicos, foi o principal reto. «Hai moitas capas de lectura nesta exposición», resaltou Miguel Ángel Cajigal, quen apunta que cando se visita por segunda ou terceira vez seguen descubríndose enlaces entre todas esas pezas. Hai un elemento que o une todo, a identidade. Esa que ademais queda reflectida ao ver que, en ocasións, non hai nada tan vangardista como a tradición, con obras como a de Chelo Matesanz dos peliqueiros, esas pandeiretas nas que se reciclan as chapas das botellas ou as imaxes da rapa das bestas de Sabucedo de Rober Amado. «A raíz está marcando o futuro», engadiu o comisario.

Na mostra conviven obras de artistas como Maruja Mallo -«ela revolucionou no seu momento a forma de pensar-, de Caxigueiro, Luis Seoane ou Urbano Lugrís con helicópteros autónomos, novos materiais ou a medicina personalizada. «A exposición ten un punto de desafiante. Por iso está aí ese puñal de antenas prehistórico para falar do futuro dos materiais», incidiu Miguel Ángel Cajigal. A mostra busca a complicidade do visitante, que se achegue, que pense, e ata o mergulla por momentos noutra dimensión, como na obra de Marta Pazos. E se quere ver nunha soa peza esa Galicia futura: a de Manuel Vázquez, el resume todas as achegas dos expertos e incluso fai actualizacións. O catedrático Moisés Canle, un dos membros dese consello asesor, fai o resumo da mostra: «Cando me preguntaron como debía ser a Galicia do futuro dixen que disruptiva e innovadora. Así é a exposición».

O Gaiás tamén acolle mostras de Exipto e de arte contemporánea

Os visitantes que se acheguen ao Museo Gaiás non só poderán percorrer eses vieiros que marcarán o futuro de Galicia. A oferta expositiva complétase con Faraón. Rei de Exipto e Os brancos segredos do seu ventre, que está formada por fondos da Fundación RAC e que achega pezas de arte contemporánea.

No caso da mostra sobre Exipto, aqueles que aínda non a visitaron e que queiran facelo teñen esta próxima semana de marxe, xa que pechará as súas portas o vindeiro domingo día 15. Dispón de pezas pertencentes ao British Museum e gozou dunha gran acollida.

Visita gratuíta e a posibilidade de facer percorridos guiados cada día

A exposición Galicia futura, que está aberta de martes a domingo de 10.00 a 20.00 horas, é de acceso gratuíto. Ademais, o Museo Gaiás ofrece a posibilidade de gozar dun percorrido guiado por persoal do centro que axuda a descubrir aínda máis eses vínculos entre as diferentes pezas que conforman o relato expositivo. Para participar nestas visitas é preciso anotarse previamente na páxina web da Cidade da Cultura, onde se dan a coñecer os horarios de cada unha das xornadas e as prazas dispoñibles.