A Casa do Cabido inaugurou onte unha exposición sobre o establecemento
30 oct 2021 . Actualizado a las 04:55 h.«San Luis debeu perder a cabeza no ano 1929». As verbas refírense a Avelino San Luis Vázquez, que nese ano fundou o Café Derby. Un local moi diferente aos que por aquel entón había en Santiago, co seu maxestuoso e alto mostrador italiano de mármore de Carraca, as cinco vidreiras enchumbadas da casa La Veneciana de Zaragoza, o zócolo de madeira de caoba traída expresamente de Cuba e as súas cornixas decoradas, cunha moldura da parte superior pintada por Camilo Díaz Baliño. Pero máis alá deses tesouros, o Derby foi todo un referente cultural polo que pasaron intelectuais como Valle-Inclán, Rafael Dieste, ou Castelao, entre outros. Agora toda esa historia que foi atesourando nos seus 90 anos en activo agroman na Casa do Cabido, onde onte foi inaugurada a exposición «Memorias do Café Derby (1929-2020)».
Un percorrido polas estancias da Casa do Cabido permite mergullarse de novo no Derby, xa que incluso hai unha recreación do espazo orixinal, con algúns dos elementos mobles, como as cadeiras e mesas, lámpadas e apliques de parede tamén dos seus inicios. A mostra reúne libros e documentación inédita, como o contrato de compra-venda do local con data de 31 de decembro de 1934, así como vaixelas, botellas, xogos de mesa e obxectos de cafetería dos primeiros anos de andaina do establecemento. Así, figura un servizo de café orixinal de cerámica inglesa adquirido por Avelino San Luis en 1929; chocolateiras, cocteleiras e sifóns das primeiras súas décadas. Tamén hai unha botella asinada por Dalí. Eses obxectos complétanse con múltiples fotografías.
«Es una verdadera joya», afirmou Victoria Domínguez sobre o local que xestionou desde o ano 89 e antes xa traballara co seu pai, Manuel Domínguez, que xunto a outro empregado, Ramón Barca, adquirira o café a Avelino San Luis en 1934. Onte non só estaba na inauguración a familia Domínguez, senón tamén a San Luis.
«Memorias do Café Derby» pretende «recuperar e visibilizar a historia do Derby», destacou Fernando Franjo, que xunto con Ana Castro se encargou de comisariar esta exposición sobre un local de referencia para composteláns e visitantes. «Explicamos a historia para que se coñeza e se recoñeza», incidiu Ana Castro, que tamén salientou a importancia de preservar o patrimonio que atesoura. Ademais, o acto contou coa participación do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, que resaltou que o Derby «forma parte da nosa historia vital», así como da xerente do Consorcio, Belén Hernández, que anunciou que tamén se publicará un libro coeditato polo Consorcio e Alvarellos Editora sobre o establecemento con numeroso material inédito a cargo de Fernando Franjo.