A adaptación teatral estréase esta noite no Teatro Principal de Santiago, onde mañá ofrecerá unha nova función
04 mar 2022 . Actualizado a las 04:50 h.Hoxe e mañá • 20.30 horas • Teatro Principal • 12 euros • O 19 de marzo de 1998 erguíase por primeira vez o pano para «Rastros», peza do dramaturgo compostelán Roberto Vidal Bolaño. A punto de cumprirse 24 anos desa estrea en Vilagarcía, a peza volve ás táboas no Teatro Principal compostelán nunha adaptación da compañía Condetrespés baixo a dirección de Lois Blanco Araúxo. «Levaba con ganas de facela desde o 2013», asegurou Blanco. Non o fixo desistir o feito de que lle dixeran que nesa primeira xira, a peza fora moi pouco representada porque desde os concellos non se atrevían a programala. Contra ese argumento, Lois Blanco destacou onte que «a Roberto Vidal Bolaño non hai só que visitalo, senón que revisitalo».
O director desta adaptación explicou que para el o teatro «ten que ser contemporáneo, ten que ter sentido para o presente». Nese senso, engadiu que Vidal Bolaño, como era moi precursor, abordou cuestións das que nese momento hai case cinco lustros igual non se falaba tanto, «pero agora están incluso máis presentes». Lois Blanco buscou traer «Rastros» á contemporaneidade aínda que apuntou foi bastante fiel. Nese traelo ao presente, incluíu que a idade dos actores que lle dan vida ás personaxes da peza sitúase en torno da trintena, ademais de incidir no tratamento da figura da protagonista, Esther, para evitar que puidese lerse desde unha visión machista. «Quería que fóra un exemplo contemporáneo», resaltou.
Esta coprodución de Condetrespés co Centro Dramático Galego (CDG) conta cun elenco artístico que se formou na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD): Antea Rodríguez, Muriel Pernas, Pablo Carrera e Mateo Franco. Esta noite e mañá ofrecerán a representación en Santiago, antes de emprender un xira que por unha decena de espazos. Ademais, hoxe haberá un encontro co público.
A peza foi presentada onte no Concello de Santiago. O director do Auditorio de Galicia, Xoaquín López, resaltou que con esta representación «Vidal Bolaño volverá a percorrer as rúas compostelás». Pola súa parte, o director do CDG, Fran Núñez, engadiu que esta proposta chega da man dunha xeración que representa a obra do dramaturgo sen coñecer as versións orixinais. Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, resaltou que esta adaptación de «Rastros» chega no 20 aniversario do pasamento de Vidal Bolaño. Anunciou que organizarán unhas xornadas para conmemoralo.