Brais García: «Este sábado non daba parado un penalti, e no meu só pensaba que fose entre os tres paus»

M. G. R. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O porteiro do Santiago Futsal decidiu a eliminatoria co Arroyo na quenda dende os seis metros

24 may 2022 . Actualizado a las 00:49 h.

Nunca se vira nunha tesitura semellante. Brais García, porteiro do Santiago Futsal, ademais de parar un na quenda de penaltis tocoulle lanzar o que lle podía dar a clasificación ao equipo. E marcou.

 —¿Que se lle pasa a un pola cabeza neses intres?

—Confiaba en ter parado algún antes. Non se me dá mal. Pero este sábado non daba parado un. Teño que agradecerlle aos compañeiros que non fallaran.

—¿Estaba previsto?

—Para nada. O xoves ensaiamos no adestramento, pero os porteiros non tiramos. Pareinos case todos.

—¿Tiña claro como ía facer?

—So pensaba en que fose entre os tres paus. Elixín lado, á miña dereita, a media altura. Tratei de asegurar.

—Foi un partido tremendo, xa non so polo desenlace.

—Falábao con Chipi ao final. Pasou de todo. Na primeira parte xa tivemos que botar man do cinco para catro, para tratar de ter máis o balón. Ao final da prórroga tivemos que defender en inferioridade numérica máis dun minuto por unha expulsión. Presta máis gañar así, sufrindo.

—Compaxina traballo e futsal. Supoño que segue a gozar do deporte.

—Si. Ademais, creo que estou no meu mellor momento. E temos un grupo humano espectacular.

—Por facer unha idea, ¿como é unha xornada tipo de Brais?

—Dende hai un par de meses traballo nunha empresa de aluminios, Exlabesa. Entro ás seis e saio ás dúas, de luns a venres. Os adestramentos son polas tardes, e os partidos en fin de semana. Podo compaxinar.

—Falamos pouco antes do sorteo. ¿Algunha preferencia para o emparellamento?

—A verdade é que non. Complicado vai ser calquera que toque. Nos temos que pensar en dar o máximo, e sempre confiar. Sexa quen sexa, confiar.

—¿Vostede e máis Dani Blanco son os líderes espirituais deste equipo?

—Non sei se líderes espirituais, pero a antigüidade tira. Todos temos que poñer ó noso grao de area e a nós tócanos aportar tamén a experiencia.

Brais decidiu a eliminatoria co Arroyo coa súa parada e máis o seu gol nos penaltis