Pepe Montes: «Non tiña dúbidas de fe, pero quería unha Igrexa de compromiso social»
SANTIAGO

Di que sen compensación «axeitada» o campo galego no terá relevo xeracional
14 nov 2022 . Actualizado a las 17:52 h.En plena forma e a punto de cumprir 80 anos, este home fixo tantas cousas que el di que viviu tres vidas. Dan idea da súa traxectoria a etapa de crego, a de empresario en Venezuela e a da cooperativa láctea Feiraco ?onde acabou sendo presidente?. José Severino Montes Pérez naceu na parroquia bañesa de San Mamede de Monte, é o maior de seis irmáns e, hoxe, ten tres fillos e dez netos. Pepe Montes foi ao Seminario Menor, e logo ao Maior, onde estudou Filosofía e Teoloxía. O cardeal Quiroga Palacios ordéao na catedral compostelá en 1966.
—Que lembranzas ten daquel tempo?
—Foramos unha promoción grande, uns 55 cregos. E fun o único destinado na miña propia parroquia. Logo estiven de coadxutor en Negreira, e tamén atendía Luaña (Brión). Foron doce anos de sacerdocio.
—Por que elixira a vida relixiosa?
—Tiña unha certa predisposición e o ambiente familiar tamén axudaba. Ademais, ir ao Seminario era barato. Todo contaba nunha época de penurias.
—E por que o deixou
—Tiña as miñas propias inquedanzas, tampouco entendía o celibato. Daquela os curas eran funerais e liturxia dos mortos. Aquelo non ía comigo. Entón empecei a participar nun movemento que se chamaba curas europeos. Non nos apartabamos da xerarquía eclesiástica, pero reivindicabamos maior participación da xente, saír das sancristías ao encontro.
—E vostede púxose do lado da xente?
—En Negreira creamos a primeira Cáritas rural, porque a economía da xente era de pura subsistencia. Implicamos os laicos, mentres os cregos só actuabamos como consiliarios. Campamentos de verán, formación de adultos… O certo é que me impliquei dunha forma desaforada.
—Ata que abandona o sacerdocio. Foi dura a decisión?
—Non. Eu non tiña dúbidas de fe, pero reivindicaba unha Igrexa distinta, con compromiso social. E sigo sendo practicante. Da miña promoción marchou a metade e non volveron, non é o meu caso.
—Emprende unha nova vida en Venezuela e casa.
—Marchara cun amigo e, logo de conseguir a secularización, casei por poderes, con Marita, unha muller da parroquia negreiresa de Logrosa. Unha vez casados, ela puido viaxar a Caracas y alí naceron os tres fillos.
—Foilles ben en América?
—Foinos realmente ben. Con este amigo, primeiro montamos unha fábrica de uniformes que lles vendiamos ao goberno venezolano, aínda que tamén acabamos facendo vaqueiros. Tiñamos 35 empregados, cada un nunha máquina, e facíamos un milleiro de pantalóns diarios.
—Houbo máis negocios?
—Vendimos a industria téxtil a uns portugueses e montamos unha fábrica de xoguetes no interior do país. Tiñamos unha nave de 12.000 metros cadrados e, ademais, exportabamos.
—E cando deciden regresar?
—Cando o fillo maior chegou á universidade. Foi unha etapa moi feliz e frutífera. Ademais dos negocios, impliqueime en moitas actividades sociais e formativas.
—Como entra en Feiraco?
—Empecei facendo unha revista, fun entrando cada vez máis… Tiña trato con Jesús García Calvo, o presidente-fundador da cooperativa. Dediqueille case vinte anos e deixei a presidencia en 2016, cando se funda CLUN, Cooperativas Láctea Unidas, integrada por Feiraco (Pontemaceira), Melisanto (Melide) e Os Irmandiños (Ribadeo).
—Por que nace CLUN?
—A integración era fundamental para abaratar costes e poder competir nos mercados. De non crear CLUN habería que inventala. Aínda así somos unha microfusión.
—Como ve o campo galego?
—Imprescindible se queremos subsistir. Aí temos unha oportunidade, pero se non temos unha axeitada compensación, non haberá relevo xeneracional. Pese á modernización é moi esclavo.
—E, por se fose pouca actividade, tamén escribe.
—Bueno, así é. Estou a facer unha especie de memorias. Parto das miñas presidencias e responsabilidades; vexo o que encontrei e o pouco que fixen por mellorar, limitacións, atrancos, persoas…
—Extraendo tamén algunhas conclusións?
—Se teño luz e ánimo, direi as portas que se nos van abrindo e o pobres que somos, cando podiamos ser ricos e felices.
—Explíquese.
—Que non fai falta ter moito para ser feliz. A clave está en compartir o amor, a amizade, os afectos… Pero se nos pechamos sobre nós mesmos, acabamos vendo todo negativo. A vida ten cousas moi bonitas.
«Nas miñas memorias sae sempre Galicia»
Pepe Montes, que tivo elevadas responsabilidades e cargos, nunca deixou de lado o seu compromiso social, cristián e galego. Verte á lingua galega as campañas nacionais que lanza Cáritas. Foi presidente de Cáritas Interparroquial e Cáritas Diocesana de Santiago, e segue moi vencellado á parroquia e Cáritas dos Tilos.
—Que lle achegaron esas experiencias?
—Humanizáronme, despertáronme a conciencia, comprometéronme cos excluídos, vin que a desigualdade é máis que palabras. E ver a pobreza da muller, que raia na humillación, e da infancia. Abrín os ollos. Pasar por Cáritas supúxome unha revolución interior.
—Cal é o sitio de Cáritas na sociedade actual?
—Os pobres. En Cáritas temos unha obriga, a reivindicación da xustiza social, a igualdade. Por iso debemos traballar na orientación e formación das persoas vulnerables. E camiñar cara a comunicación cristiá de bens.
—Que quere dicir iso?
—Damos todos a un fondo común para que o leve o que máis o necesita.
—A esta entrevista trouxo tamén unha pía de poemas.
—Estou preparando unha publicación de 130 poesías sobre a pobreza, a xustiza, o amor romántico, o matrimonio, o campesiñado, as camiñadas, que tamén facemos na parroquia dos Tilos. Somos un grupo numeroso e estupendo.
—Por que a poesía?
—Gústame o xogo da linguaxe, buscar unha rima… Moitas poesías son verdadeiras oracións. Hai algunha dedicada a miña nai, á familia e, ás veces, tamén aparece a paixón.
—Pero este mesmo ano publicou un documentado libro sobre a súa parroquia de nacemento.
—Vivimos no verde rural, sentímonos ben coa nosa orixe e nel queremos acougar; soñamos cunha terra limpa nunha Galicia singular. Esta glosa aparece na portada dese libro, editado pola Deputación.