Mar Lorenzo: «Un mir docente é complexo pero sería necesario»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO

SANTIAGO

Sandra Alonso

A nova decana de Ciencias da Educación asegura que no 2023 haberá un concurso de ideas para un novo centro, un proxecto que se remonta, «mesmo antes do reitor Villanueva»

05 dic 2022 . Actualizado a las 00:02 h.

Mar Lorenzo Moledo (Noia, 1968), asumiu o decanato da Facultade de Ciencias da Educación cun programa de dez eixos e sesenta accións. Entre os primeiros, abrir o centro á sociedade e fomentar a cultura e a lingua galegas.

—Cáles son os obxectivos prioritarios do seu mandato?

—Presentámonos cun programa de dez eixos estratéxicos e sesenta accións. O primeiro eixo é visibilizar e reclamar o papel da Facultade como institución que somos, porque estar separados en dous campus fai moitas veces que necesitemos consolidar esa identidade. Outro é abrir a Facultade á sociedade e que a sociedade vexa na Facultade un elemento da vida comunitaria. Quero que aquí veñan os centros educativos que fan innovación en infantil, primaria e secundaria, e que nos tomen como un referente. Outro eixo é o alumnado, non seriamos nada sen os alumnos, somos o segundo centro en número nesta universidade con máis de dous mil estudantes, soamente superados pola de Medicina e Odontoloxía.  

—Un alumnado claramente feminino.

—Esta é unha realidade en toda a universidade. Temos perfiles moi diferentes porque temos os graos de Pedagoxía, Educación Social, Educación Infantil, Educación Primaria, o dobre grao e os mestrados. Evidentemente é un perfil maioritariamente feminino, e tamén é un alumnado que vén estudar coas ideas moi claras do que quere ser a nivel profesional no futuro. Quen vén estudar Maxisterio ten moi claro o que quere facer, e en Pedagoxía e Educación Social tamén.

—Nos últimos anos a demanda dos graos deste centro medrou moitísimo, por qué?

—Por un lado está o tema da inserción laboral polas ofertas públicas de emprego en educación, e por outro o feito de pasar de diplomaturas a titulacións de grao axudou a que socialmente se vexan dunha forma distinta. Tamén inflúe o prestixio que ten a profesión docente entre a sociedade. Por iso pouco a pouco o alumnado que accede ás nosas titulacións cada vez ten unhas notas máis altas, o que fai que os primeiros graos de Mestre que se cobren sexan os de Santiago.

—Aquí se forman os mestres dos nenos de Galicia, ata que punto supón unha responsabilidade?

—Somos moi conscientes, por iso un dos nosos eixos estratéxicos é a cultura galega e a nosa lingua. Sabemos que estamos formando aos mestres que van formar aos cidadáns deste país e o alumnado tamen é moi consciente desa responsabilidade. Eles van posibilitar que moitos nenos, ás veces de colectivos ou situacións de vulnerabilidade, poidan ter unha vida social e profesional máis satisfactoria.

—A escola tradicionalmente castelaniza, cómo reverter esa realidade?

—Isto ten que ver coa formación que damos na Facultade e coa formación cívica e social que o noso estudantado adquira. Un alumno do grao de Mestre cando se gradúa ten que saber moito das áreas disciplinares, pero tamén ten que ser consciente do seu papel transformador na sociedade.

—Lévase anos falando do mir dos mestres, é unha boa idea?

O mir no que se pensou é como o modelo de países como Finlandia, un período de formación unha vez que accedes á profesión, un período de acompañamento, noutros países téñeno e funciona de forma axeitada. O mir docente é complexo pero sería necesario. Recoñezo que é complexo pero é un proceso necesario no que as facultades de Educación deberemos estar implicadas. 

—Como é a inserción laboral dos graduados deste centro?

—Temos as cifras da Acsug e os datos son positivos, aínda que nunca potenciamos, e bótoo en falta, dicir por exemplo que o número un dun tribunal de mestre é da USC. A inserción laboral é alta nas distintas titulacións e un dos eixos nos que queremos traballar é saber o que pasa cos nosos egresados, cánto tempo tardan en atopar un emprego que teña que ver coa titulación, ou en qué campos se están insertando.

—Os mestres na docencia, e o resto de graduados da Facultade?

—Hai pedagogos en centros educativos, outros en servizos sociais, igual que os educadores sociais, en áreas como os programas de educación familiar, en unidades de drogodependencia, e tamén en todo o que ten que ver co campo da comunidade, en organizacións que traballan en desenvolvemento comunitario, na área de orientación laboral...

—Cando estarán unificados os dous centros de Ciencias da Educación nunha soa facultade?

—Espero empezar a traballar neste campo xa, isto remóntase a antes incluso do reitor Darío Villanueva, levamos demasiados anos. Temos unha Facultade con dous edificios e este (en alusión ao de Xoán XXIII) ten moitas carencias polo que neste equipo imos a traballar en dous planos, inversión neste centro, porque non pode ser que polas fiestras nos entre auga; e en paralelo tratar de ter un edificio no que poidamos estar todos.

 —Hai algún proxecto concreto?

—Hai un compromiso para que no 2023 saia o concurso de ideas. O novo edificio estaría no campus Vida, ao carón das actuais instalacións. Somos máis de dous mil alumnos e temos necesidades moi específicas, por exemplo precisamos un ximnasio, laboratorios... Hai toda unha serie de necesidades que deben estar contempladas nese proxecto.

—Ciencias da Educación forma mestres, pero tamén investiga.

—Non so temos moito alumnado senón que o profesorado fai moitísimo esforzo por axustar formación e investigación. Hai tres grupos de referencia competitiva recoñecidos pola Xunta, o grupo RODA, de Blanca Puig, o grupo SEPA, que dirixe Jose Antonio Caride, e o meu, Esculca, que dirixe Miguel Santos Rego. Estes grupos e outros teñen proxectos de investigación de convocatorias nacionais e europeas, ademais de contratos. Este é un dos aspectos máis descoñecidos da Facultade de Ciencias da Educación, que temos moitísima investigación e moi competitiva.