Lecturas compartidas e música para homenaxear a Fernández del Riego en Santiago

La Voz

SANTIAGO

Cedida

A USC tamén celebrará hoxe o seu acto central

16 may 2023 . Actualizado a las 04:55 h.

As propostas para celebrar o Día das Letras Galegas e homenaxear a Fernández del Riego sucédense hoxe en Santiago, incluíndo lecturas compartidas e música.

A Asociación Cultural Casino de Santiago organiza, entre ás 17.00 e ás 19.00 horas, no Casino, a lectura de fragmentos dos libros finalistas do Premio de Novela Traducida a outra lingua europea —trátase de obras de Xesús Fraga, Inma López Silva, Suso de Toro— e do autor homenaxeado. Onte, ademais, comezaron co reparto de marcapáxinas e de boletos para participar nun sorteo de catro lotes de libros entre os establecementos asociados a Comercio Punto Compostela.

Tamén lectura haberá en El Corte Inglés a partir das 19.00 horas da man de escritores como Marilar Aleixandre, Ana Cabaleiro, María Carmen Caramés, Mercedes Corbillón, Carlos Labraña e Xosé Ramón Veiga Alonso. O acto abrirao o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que poñerá voz a un fragmento da obra de Fernández del Riego. A actividade, que será conducida por María Solar, abrirase á participación do público, que poderá ler a obra que desexe coa única condición de que sexa en galego. Onte acolleu a presentación do libro de Antón Mascato e Pepe Carreiro sobre o autor homenaxeado.

A USC súmase á homenaxe á figura de Francisco Fernández del Riego cun acto institucional ás 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Nel presentarase a obra «Francisco Fernández del Riego. Ao meu xeito rebelde», editada polo Servizo de Publicacións da USC e coordinada por Henrique Monteagudo e Xosé M. Salgado.

Pola súa banda, as Aulas Sénior de Santiago, Ategal, homenaxean a Del Riego hoxe a partir das 18.00 horas no salón de actos do Colexio Maior Santo Agostiño. O coro das aulas preparou unha actuación musical. Ademais, alumnado de literatura ofrecerá un recital para profundar na figura do homenaxeado.