O Casino acolleu onte unha lectura de obras en galego
17 may 2023 . Actualizado a las 04:55 h.As actividades lúdicas e a reivindicación conforman as propostas para conmemorar as Letras Galegas en Santiago e a súa área. Queremos Galego convocou unha manifestación a partir das 12.00 horas polas rúas baixo o lema «En galego, aquí e agora». Partirá da Alameda e rematará en Praterías.
Pola súa banda, o Consorcio de Santiago celebra o 17M coa entrega de publicacións ás persoas que visiten hoxe a Casa do Cabido.
A Casa de Rosalía, en Padrón, presentará a partir das 19.00 horas o novo número da revista «Follas Novas». Seguiralle un concerto do saxofonista padronés Pablo Castaño e do guitarrista brasileiro Iván Vilela. Tamén participará a cantora Felisa Segade.
Tamén en Padrón, o Concello, co gallo das Letras, programa unha visita teatralizada na que Os Quinquilláns darán vida a Rosalía e ao pintor Brocos. Será a partir das 12.00 horas desde Fondo de Vila. Pola súa banda, Dodro festexa o Día das Letras no pazo de Lestrobe (17.30 horas). Haberá unha homenaxe a Fernández del Riego e a presentación de «Neve», de Brenda Mondelo, gañadora do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón.
Lectura no Casino
Unha trintena de persoas participaron na lectura organizada polo entidade con motivo das Letras Galegas. O acto abriuno o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, lendo obra de Del Riego e continuou a directiva do Casino Maribel Martín con versos de «Cantares Gallegos».