Leilía agasalla a cidade co pregón cantado e máis bailongo do Apóstolo

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

O grupo de cantareiras e pandeireteiras animou a bailar a boa parte do público

21 jul 2023 . Actualizado a las 00:36 h.

«Somos máis de cantar que de falar». Esta simple idea que Montse Rivera, membro de Leilía, deslizou cando se deu a coñecer que o grupo pregoaría este Apóstolo, foi todo un anuncio sen medias tintas, como ben puideron comprobar os centos de persoas que se achegaron este 20 de xullo ata a Praza do Obradoiro para celebrar o arranque destas festas. Leilía fixo unha convocatoria previa para que colectivos e agrupacións culturais da cidade tamén se sentisen representados na elección do Concello e que puidesen participar do sempre benvido chupinazo do Apóstolo. E alí estiveron acompañando ás cantareiras e pandeireteiras con bailes ao ritmo que marcaban as artistas dende o balcón do pazo de Raxoi.

«Para Leilía é unha honra e un orgullo estar hoxe aquí», dixo Mercedes Rodríguez na primeira frase dun pregón coral, no que engadiu que «a historia de Leilía estivo dende sempre moi vinculada a esta cidade que nos veu nacer, e xa van alá nada máis e nada menos que 34 anos xuntas». «E ademais sendo as mesmas», apuntou Ana Rodríguez, que comparou a Leilía co arco da vella «no que cada unha das cores é fundamental para o resultado final. E quen nos coñece sabe que somos moi diferentes, e as nosas diferenzas aportan en positivo para enriquecer a Leilía», engadiu. Antes de darlle a palabra á seguinte, comparou Santiago co mesmo arco da vella para sinalar que «esta cidade ten múltiples correntes, a espiritual, a universitaria, a cultural, a patrimonial, e tamén a das persoas que desenvolven o seu día a día no centro, nos barrios e nas parroquias. E toda esta mestura de culturas, linguas e intereses fai desta cidade un lugar aberto, tolerante, dinámico, unha cidade da que podemos presumir, unha Compostela universal». Felisa Segade colleu o fío de Ana para engadir que «universal é o canto, ese canto de raíz que sae da terra e que en Galicia está creado polas mulleres, esas melodías que saen da terra que traballan e acompañan a vida».

E como non podía deixar de ser, Leilía sacou parte do que leva dentro para transformar o balcón de Raxoi nun escenario e cantar a Rumba de Zobra. Despois de recibir a primeira ovación do público, Rosario Rodríguez continuou co pregón: «Cada rúa da nosa cidade está chea de música, dunha gaita ou dunha pandeireta que soa de fondo, desde un cuarto coa xanela aberta, facéndose eco dos ensaios de moitos e moitas das que estades aquí mantendo vivo o espírito da nosa tradición».

«Arriba Compostela!!!»

Montse Rivera homenaxeou na súa parte do discurso «ás asociacións de base que forman o tecido sociocultural, non só da cidade, se non do país. Delas saímos cada unha de nós. Nelas medramos, aprendemos respecto, solidariedade, traballo en equipo e amizade. E para nós son o alicerce da cultura en Compostela, cohesionan e danlle vida á cidade». Patricia Segade rematou o pregón invitando ao público a bailar unha muiñeira que lles aprendeu Herminda Miramontes, «que foi a nosa mestra igual que moitas outras mulleres ás que lle estamos moi moi agradecidas». «Arriba Compostela!!!» berrou con xeito musical Felisa para dar pé a cantar precisamente a Muiñeira de Grixoa, á que seguiu, con centos de voces xurdidas no Obradoiro, o pasodobre de Folgoso, o Chorei chorei. E con música e baile comezaron as Festas do Apóstolo.

Antes do pregón as cantareiras e pandeireteiras asinaron no libro de honra do Concello, no que deixaron unha agarimosa frase cara a súa cidade e que forma parte da Danza de Cerdeira: Para Compostela hei de ir anque me poñan cancelas, anque non faga máis nada que cerrar e abrir nelas.