Maré pecha a súa edición «máis exitosa» con 8.000 espectadores

La Voz

SANTIAGO

Cedida

Os concertos con maior afluencia foron o de Amancio Prada e a Filharmonía e o de peche con Alexander Abreu e Havana D'Primera

26 sep 2023 . Actualizado a las 04:55 h.

O cheo na sala Capitol para ver a Alexander Abreu e Havana D’Primera no peche este domingo do festival Maré foi unha mostra máis da boa resposta á programación desta cita coas músicas atlánticas. Desde a organización califican esta edición como «a máis exitosa» da historia desta cita tras reunir durante cinco días a 8.000 espectadores, que asistiron aos concertos na Sala Capitol, a Sala Riquela, o Salón Teatro e o Principal, ademais de rúas e prazas da cidade. Detallan que a metade do público mercou unha entrada para asistir a espectáculos de pago. O resto, asistiu a actividades de acceso libre, como as actuacións da praza de Mazarelos ou as proxeccións de cine, entre outras. O sábado foi o día de maior afluencia con preto de 4.000 persoas ao longo do día.

O concerto de clausura coa formación cubana e o de apertura, coa Real Filharmonía e Amancio Prada, foron os máis concurridos xa que ambos esgotaron as 800 entradas. Na despedida participou moito público de América Latina, caso de Perú, Venezuela, Colombia, República Dominicana e Cuba, que converteron a Sala Capitol nun salón de baile que foi escenario dunha pedida de man.