Compostela en dez pasos

Xerardo Estévez e Alfonso Salgado TRIBUNA

SANTIAGO

07 oct 2023 . Actualizado a las 09:56 h.

Hai uns meses, cinco composteláns independentes presentamos «Compostela como desexo». En cen páxinas, formulabamos unha serie de cuestións concibidas para empezar a pensar en torno ao porvir da nosa cidade.

O mundo que hoxe nos toca vivir é distinto do inicio da democracia, porque así o estamos construíndo e porque a influencia do que acontece a nivel global parece imparable. Vivir, para calquera de nós, é camiñar entre o pasado, o presente e o futuro. Á cidade pásalle o mesmo, entrégase un legado para que sexa comprendido no seu contexto histórico, sen magnificalo nin tampouco borralo ou esquecelo. Ao mesmo tempo, trabállase para resolver os asuntos cotiáns e lanzando sempre unha mirada cara adiante, sexa revisando un plan, rehabilitando unha praza ou construíndo un centro cultural.

O cambio climático chama ás portas. Aquel orballo que na nosa mocidade envolvía Compostela desde outubro ata maio está dando paso a chuvieiras menos frecuentes e máis intensas. Os pavimentos e as edificacións acumulan calor; menos mal que dispoñemos de amplas áreas verdes que o compensan, e dun cinto de natureza accesible que é a esencia mesma de Santiago. A densidade do tráfico é unha fonte de contaminación ambiental e acústica permanente e introduce un desequilibrio que podería colapsar certas zonas en horas punta.

Estes temas non son ideolóxicos, todos os compartimos en maior ou menor medida. As directivas europeas van no mesmo sentido. Cómpre traballar desde agora sen agardar a que os prazos apremen, indo por diante cun pensamento compartido en torno a como transitar polos espazos comunitarios, enfrontarse ao desafío da mobilidade. Seguiremos dando pasos sobre iso.