Santiago lembra a Revolución dos Caraveis con música, un libro e cantando «Grândola»

La Voz

SANTIAGO

Homenaxe a Zeca Afonso no Burgo das Nacións no ano 2021
Homenaxe a Zeca Afonso no Burgo das Nacións no ano 2021 XOAN A. SOLER

Preto dun milleiro de persoas están inscritas para interpretar a canción de Zeca Afonso xunto ao Auditorio de Galicia

25 abr 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

Santiago súmase á conmemoración do 50 aniversario da Revolución dos Caraveis cantando «Grândola», música, un libro e charlas. O número de persoas inscritas para interpretar o tema de Zeca Afonso que se converteu en todo un himno da liberdade incrementouse onte ata preto do millar. O acto impulsado polo Concello de Santiago terá lugar a partir das 18.30 horas na praza da Música, xusto diante do Auditorio de Galicia, onde se producira no ano 1972 a primeira interpretación pública do tema. Debido a esta actividade, non estará permitido aparcar na praza até o remate do acto.

O programa conmemorativo municipal continuará ás 20.30 horas, no Teatro Principal, no concerto «50 anos de abril», un evento que promove a Associaçao José Afonso en Galiza (AJA Galiza) coa apoio do Concello e a Deputación da Coruña. Abrirá a noite Couple Coffee, o dúo luso-brasileiro conformado por Luanda Cozetti e Norton Daiello cun espectáculo que inclúe sonoridades que van desde o hip-hop ao fado. Tomarán o relevo sobre o escenario Nacho Muñoz, Faia Díaz e LAR Legido cunha proposta que profunda na figura e repertorio de Zeca Afonso dende unha perspectiva transgresora e contemporánea. Pecharán o concerto Nara e Manuel. O dúo compostelán mestura melodías galegas e de Zeca con bordóns e «loops», entre outros. A entrada ao concerto é de balde ata completar a capacidade.

Pola súa banda, a Universidade pecha hoxe a parte dedicada á cultura do seu programa «50 anos do 25 de abril» coa presentación do volume «50 anos de abril na Galiza» (10.30 horas, Facultade de Filoloxía. A continuación, o músico e médico Rui Pato contará a súa experiencia de estudante cando nos anos 60 acompañaba como músico a Zeca Afonso e Adriano Correia as súas vivencias como médico militar.