Luísa Villalta «regresa» a Compostela con poemas, teatro, baile, charlas e exposicións

La Voz

SANTIAGO

ALBA FURELOS

O Concello e a Universidade organizan hoxe os actos institucionais

16 may 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

Licenciouse en Santiago en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa en 1982. Gañou un certame literario na USC e en 1985 pasou a formar parte da Orquestra de Santiago. Luísa Villalta, homenaxeada polo Día das Letras Galegas, estará hoxe moi presente en Compostela, á que tamén lle dedicou os seus versos, a través de recitais, conferencias, teatro e exposicións.

Na véspera da gran festa das Letras, en Santiago celebraranse un gran número de actividades e os actos institucionais do Concello de Santiago e a USC. Deste xeito, ás 11 horas, na praza do Obradoiro, lerase a declaración institucional aprobada por unanimidade no pleno. Ademais da corporación municipal, contará coa participación das escritoras Marga Romero e Esperanza Mariño, que lerán unha escolma da obra poética de Luísa Villalta. A programación municipal continuará pola tarde co espectáculo teatral «Made in Galiza» a cargo de Sarabela Teatro (20.30 horas, Teatro Principal, 12 euros). A obra leva ás táboas cuestións vinculadas á sociolingüística desde un aproximación á vez cómica e crítica. Mañá haberá unha nova función.

A Universidade de Santiago, onde estudou Luísa Villalta, celebrará o acto académico do Día das Letras a partir das 12 horas en Fonseca. Nel presentarase o libro feito pola institución dedicado á autora, «Escribir para quen. Relecturas posíbeis de Luísa Villalta», coordinado polas profesoras María Xesús Nogueira e Montse Pena Presas. Elas serán as encargadas de impartir unha conferencia. O acto estará presidido polo reitor, Antonio López, e o conselleiro de Cultura, José López.

Por outra banda, a Biblioteca de Galicia inaugurará esta maña (11 horas) a mostra dedicada á escritora, «Luísa Villalta, a memoria dos sons».

Tamén El Corte Inglés celebrará esta tarde o acto central do Día das Letras. A partir das 19 horas organiza un recital onde participarán Marilar Aleixandre, María Carmen Caramés, Carlos Labraña, María Solar, Beatriz G. Turnes, Ana Lojo, Carmen Sampedro, Abel Tomé, Rosalía Morlán e Mercedes Pacheco. Tamén poden sumarse os lectores que o desexen.

Por outra parte, o Concello de Oroso programa un espectáculo de música e baile tradicional a cargo de Cantigas e Agarimos (20.30 horas, Auditorio Municipal). En Teo esta tarde representarán o espectáculo teatral «O violino de Luísa», da compañía Oviravai (19.30 horas, Auditorio Constante Liste). Ao finalizar, haberá o reparto do libro homónimo á montaxe entre os asistentes.

O Concello de Dodro inicia a súa programación esta tarde coa sesión de contacontos «Fogar de cores» a cargo de Iolanda Eiras (17.30 horas, Casa da Cultura).

«Un canto na procura da luz», no IES Rosalía.

 

 

O instituto inaugurou onte unha mostra ao redor de Luísa Villalta que reúne 26 paneis informativos nos que se recolle a súa traxectoria profesional e vital, así como traballos do alumnado do centro.