Miguel Queixas, batería de Brothers in Band: «Somos un vehículo para transmitir a emoción de escoitar a Dire Straits en directo»
![Montse García Iglesias](https://img.lavdg.com/sc/CoSL4e3EV2hbStnFJeNbkWEKMvg=/75x75/perfiles/112/1623443693081_thumb.jpg)
SANTIAGO
![](https://img.lavdg.com/sc/AvD5Nx2hKJzLIuKTxwSFojD8GBY=/480x/2024/05/18/00121716044162003157350/Foto/SY19C10F1_165515.jpg)
A banda tributo actuará o día 24 en Santiago e o 25 en Pontevedra
19 may 2024 . Actualizado a las 21:54 h.Son galegos, coa excepción do seu vocalista, e percorren Europa interpretando a música de Dire Straits. Agora, os membros de Brothers in Band recalarán o vindeiro día 24 en Santiago (20.30 horas, Auditorio Abanca) e ao día seguinte, o 25, en Pontevedra (20.30 horas, Auditorio Afundación) co obxectivo de trasladar as emocións que xeraba a mítica banda, explica o seu batería, Miguel Queixas. Xunto a el no escenario estarán Angelo Fumarola (voz e guitarra solista), Antonio Abad (guitarra rítmica e coros), Fernando Abenza (baixo eléctrico e coros), Sander Ulloa (saxos, frauta e coros) e Xavier Vaz (piano e teclados). As entradas están á venda en Ataquilla. «É a nosa xira máis galega», recalca o músico. Xa estiveron este ano en Lugo e Narón, agora tocarán en Santiago e Pontevedra, e teñen previsto pechar o percorrido o 27 de decembro na Coruña.
—O espectáculo titúlase «The very best of Dire Straits». Que é «o mellor» dunha banda que é un referente?
—Partindo da base que ese «the very best, o mellor» pode ser distinto para cada un dos espectadores que acode, nós o que pretendemos é facer unha escolma que se sitúe entre o máis destacado, o máis coñecido e o fundamental, pero tamén permitirnos certas saídas por algún tema, algunha xoia menos coñecida, algunha versión menos escoitada. O público vai gozar dun percorrido ao longo da discografía de Dire Straits. En Santiago e Pontevedra incidiremos moito no período entre o 77 e o 86, cunha selección do directos de Wembley, de Sídney así como do disco «Alchemy», é dicir, unha das etapas máis importantes de Dire Straits. O obxectivo é que os que acoden se atopen cunha noite especial, cun show coidado, onde o que se vai pretender sempre é transmitir a emoción e o sentimento da música orixinal.
—Ao ser unha banda tributo, o referente sempre é a formación orixinal. Cal é a maior dificultade de darlle nova vida a Dire Straits?
—Eu véxoo máis como un desafío, é dicir, a nosa finalidade é transmitir emocións. O que pretendemos é poder transmitir as emocións da música de Dire Straits e facer aflorar os sentimentos tanto entre audiencia coma en nós, porque a nós gústanos tanto Dire Straits como o que está sentado na butaca. Nós non temos que gustarlle a ninguén, temos que compartir unha noite especial. Ese é o desafío cada noite. Para conseguir transmitir esas emocións e esas sensacións, hai que ter un extensísimo repertorio estudado e aderezado con instrumentos que acheguen ese son que leve a ese recordo. Tamén é fundamental o traballo dos músicos, así como o inmenso e espectacular labor do solista de Angelo Fumarola, o noso Mark Knopfler particular.
—É moi complicado cumprir as expectativas do público?
—O que facemos é supernatural. Nós non precisamos impostarnos, somos conscientes que non somos Dire Straits, pero sabemos que amamos o que estamos facendo cada vez no escenario.
—Son concertos para os que gozaron da época dourada de Dire Straits ou tamén para a mocidade que nunca os veu en directo?
—Para todo o mundo. Nun show noso cheguei a ver catro xeracións xuntas. Pero, normalmente, son tres xeracións. A nai e o pai que agora teñen un fillo de 35, que vai á súa vez co seu fillo. É dicir, esa xeración nova dos anos 77, 78, 80, que tivo fillos que se criaron escoitando a música dos seus pais e que teñen netos e agora os traen. Iso pásanos en todos os sitios. Xa estivemos en oito países e en todos se repiten, coa única diferenza de que canto máis avanzamos para o norte de Europa, antes foi o éxito de Dire Straits e, polo tanto, un pouco maior é o público. Entón, vimos catro xeracións en Holanda, mentres que en España vemos xente que vén co neto e moita parella de matrimonio que cando chegan os temas máis románticas se miran. Para escoitar a Dire Straits, teñen o disco na casa; nós somos un vehículo para transmitir as sensacións e as emocións de escoitar a música de Dire Straits en directo.
—E esa necesidade da música en directo, é a clave do éxito as bandas tributos a esas formacións dos anos 70 e 80?
—O que é importante é que hai un público que medrou consumindo música de forma orgánica, mercando vinilo e acudindo a directos, e ese público que medrou así ten entre 55-60 anos. Entón, esa xente non só demanda escoitar esa música, senón que segue precisando acudir a concertos. Hai un público que segue necesitando escoitar a música en directo, tocada por músicos, non por ordenadores. Isto non é abrir un batalla. Esa xente precisa esa comuñón que se crea cando un determinado número de persoas se sobe a un escenario. Hai unha parte da xuventude que ata que asiste non sabe o fermoso que é ver tocar a cinco persoas xuntas.
—Tiveron a oportunidade de coñecer o que pensa algún membro de Dire Straits sobre este espectáculo tributo?
—De momento, ninguén nos denunciou (ri) e ninguén nos dixo que pararamos de facelo. A banda está tendo certo recoñecemento e hai músicos e persoas do equipo técnico que formaron parte de Dire Straits que nos coñecen. Nós solo somos un vehículo para seguir mantendo un legado e, se podemos, transmitir ao longo do mundo as sensacións de Dire Straits.