Borja Verea, voceiro municipal do PP: «É moi difícil pensar na transformación da cidade cando non tes ordenada a casa»

rosa martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

O popular sostén que o Concello é agora mesmo un «auténtico caos» en xestión interna

02 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Borja Verea (Santiago, 1980) cumpre un ano no Concello, á fronte do grupo maioritario, aínda que na oposición. O tamén deputado vese animado «para conseguir uns resultados históricos no 2027» logo de que a recente enquisa de Sondaxe os sitúe case no 40 % de intención de voto, «tocando o edil 12». «Claramente estamos no bo camiño», e máis, fala, vendo que no bloque da esquerda «non son capaces de sumar máis apoios: teñen os mesmos, só que repartidos entre eles». E iso sendo o primeiro ano de mandato de BNG-CA, di.

—Segundo a última enquisa de Sondaxe, os composteláns non lle dan o aprobado á xestión de Goretti Sanmartín, pero case case. Vostede, que nota lle pon?

—Nós, a pesar de non gobernar, seguimos aumentando apoios. Estamos rozando xa a maioría absoluta, cerca dese 40 %, e esperamos que a esperanza de cambio que logramos no 2023 sexa un tsunami no 2027. Canto á valoración do goberno: continuísmo e decepción. BNG, PSOE e CA o único que fan e turnarse a alcaldía para seguir facendo o mesmo, e con indicadores preocupantes este último ano.

—Como cales?

—Pois a xestión. Teñen máis asesores, altos cargos e directores xerais que ningún goberno de Santiago. Son o goberno máis caro e, sen embargo, pagamos as facturas máis tarde, tardan máis en conceder licenzas e os grandes asuntos seguen sen solucionarse: mobilidade, vivenda, casco antigo, turismo, Peleteiro, Casa da Xuventude. E teñen incoherencias que creo que nin os seus votantes entenden; din que queren loitar contra o impacto do turismo e acaban de autorizar 400 prazas hoteleiras no casco histórico; queren máis vivenda e propoñen vender solo público a construtoras privadas en vez de cedelo para vivenda social; queren protexer o patrimonio e autorizan macroconcertos no Obradoiro con informes técnicos en contra, e danouse a praza.

—Cre que se deben controlar entón os concertos no casco vello?

—Por suposto, e teñen que facerse con todos os requirimentos técnicos de seguridade e Patrimonio e, a partir de aí, poñer os espazos a disposición da xente e dos eventos. Que exemplo dá quen non cumpre eses informes aos cidadáns que deben cumprir os requirimentos que hai na zona vella?

—Como ve a saúde do bipartito?

—Creo que é un goberno que non aporta nada novo á cidade e o único que están facendo e ese exercicio de turnismo, nunha ocasión tócalle ao PSOE, noutra a CA e agora a BNG. O que me preocupa é a saúde da cidade. Despois de todos estes gobernos está en clara decadencia, unha decadencia que se está acelerando no último ano por xestión, incoherencia interna e incapacidade de sacar adiante as cuestións máis básicas.

—Faga balance propio deste ano.

—Nós traballamos co obxectivo de ser unha oposición útil para poder ser un goberno útil. Presentamos propostas, medidas, ideas, estamos indo por diante do propio goberno. Sorprendeunos que no último pleno se queixara de que estamos facendo demasiadas propostas. Puxemos sobre a mesa medidas en materia de vivenda, mobilidade, diversificación empresarial, infancia e soidade non desexada. Queremos ser útiles para demostrar que imos ser un goberno útil e por tanto poñendo sobre a mesa o noso modelo de cidade, e insistindo para que o goberno asuma algunha destas cuestións.

—O xoves aprobouse a comisión da auga e vostede pediu que todos xoguen coas mesmas cartas. Que teme?

—Pois algo que estamos vivindo no último ano, esa perda de educación e de cultura democrática, cunha opacidade total e unha utilización tramposa dos datos por parte deste goberno. Eu pedía que fose una comisión útil, áxil e transparente, na que todos teñamos a mesma información, e poño todas as alertas por que o que vivimos noutras cuestións non se volva repetir na comisión da auga.

—Non lle convenceu o compromiso de transparencia da alcaldesa?

—Por suposto que non. A alcaldesa ten esa habilidade de dicir unha cousa e despois facer outra.

—Parece que agora si se aveciña a ordenanza das VUT. Mañá preséntanllela aos propietarios.

—Pois eu estou expectante para saber a quen lle mentiu o BNG, se á cidade cando dixo que as ía prohibir ou aos propietarios cando lles dixo que ía legalizar todas as que están nese limbo.

—Cales son as urxencias da cidade agora mesmo?

—Pois ordenar os grandes contratos e a xestión interna do Concello. O que nos chega do persoal é que é un auténtico caos e sen rumbo. Non recordan unha situación de falta de xestión como a actual. É moi difícil pensar na transformación da cidade cando non tes ordenada a propia casa, e os datos están aí, os de pago de facturas, de débeda, a autorización de licenzas e os grandes contratos aínda pendentes. E a cidade necesita unha modernización en profundidade.

«O Peleteiro é o gran fracaso de PSOE, BNG e CA e agora véndennos unha solución peor»

A operación Peleteiro «é o gran fracaso de PSOE, BNG e CA», di Verea, quen advirte que o goberno «quere vendernos agora unha solución moito peor que calquera das que viñan propoñendo PSOE ou CA, que ían á rebaixa da edificabilidade. «E agora estase trasladando unha proposta infinitamente peor. Iso teñen que explicalo».

—Sanmartín está enfadada porque Rueda non a inclúe na nova rolda de contactos institucionais.

—O que entendo eu é que a cidade está enfadada co goberno local porque non están cumprindo os compromisos da reunión de outubro: o máis importante, a taxa turística. A BNG e CA tócalles poñer sobre a mesa esa taxa e os informes que lle pediu o presidente. Están creando un conflito onde non o hai. Rueda estase a reunir con alcaldes cos que aínda non o fixo. Non é que discrimine a Santiago, iso non é certo. Creo que queren crear un conflito artificial para tapar os seus propios incumprimentos, como o da taxa.

—Estará o párking do Clínico nos orzamentos da Xunta do 2025?

—Os dous proxectos máis importantes agora en Santiago son propostas miñas, deseñadas e conseguidas polo PP de Santiago: a senda Milladoiro-Santiago e o párking no Clínico. Cando os presentei todo eran risas e chanzas e a senda está en marcha e o párking é aceptado por BNG e CA. Recoñezo que me gustaría unha desculpa, polas chanzas, pero é boa nova que as dúas vaian ser unha realidade.

—Cre que se está poñendo o foco acertado no turismo?

—Hai que regular o impacto do turismo, pero o que non se pode é non facer nada como está facendo o goberno, máis alá de titulares e de campañas que non teñen que ver co seu día a día.