De Ninghures, Os Quatro e Meia, Silvia Penas e Sílvia Mota recibiron os premios aRi[t]mar
SANTIAGO
![](https://img.lavdg.com/sc/7lTYbq833VIcnXG8yJhG75Z_8RY=/480x/2024/11/22/00121732309081388917745/Foto/SN23C9F5_215629.jpg)
O certame que fusiona en Compostela as culturas galega e portuguesa tamén distinguiu a Sociedade Cultural e Desportiva do Condado
23 nov 2024 . Actualizado a las 04:50 h.As dúas beiras do río Miño uníronse de novo coa iniciativa cultural galego-portuguesa dos premios aRi[t]mar, que celebrou onte a súa gala no Auditorio de Galicia. Os gañadores desta novena edición do certame que naceu na Escola Oficial de Idiomas de Santiago foron, no Premio á Mellor Música do Ano en Galicia, o grupo De Ninghures, pola súa canción «Morena»; no Premio á Mellor Música do Ano en Portugal, Os Quatro e Meia, polo seu tema «Na escola»; a vencedora do Premio á Mellor Poesía do Ano en Galicia é a viguesa Silvia Penas, polo seu poema «Canto segundo para un fillo non nado»; e á Mellor Poesía do Ano en Portugal, Sílvia Mota Lopes, con «Há mulheres que trazem...». Ademais, a Sociedade Cultural e Desportiva do Condado foi distinguida co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona.
O segundo posto no apartado dos mellores temas musicais foi, en Galicia, para o dúo Caamaño&Ameixeiras pola súa canción «Ai de min»; e, en Portugal, «Sagitário», de Miguel Araújo; mentras que o terceiro gañárono Mondra e Carolina Deslandes, respectivamente. Chus Pato e Joana M. Lopes acadaron o segundo premio, respectivamente en Galicia e Portugal, na modalidade de poesía; e Celso Fernández Sanmartín e César Pires, o terceiro.
A gala de aRi[t]mar foi conducida polo grupo Chévere, e contou coa actuación do músico Luiz Caracol. Os premios foron decididos por máis de doce mil votos populares.