Toxo Telecom, Chichalovers e Ela Diz recollen os Premios Manuel Beiras polo uso do galego
SANTIAGO
Convocados polo Concello e a Cámara de Comercio, os galardóns recoñecen o compromiso coa lingua dende o mundo da empresa e o comercio
03 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello e a Cámara de Comercio entregaron onte no Teatro Principal os Premios Manuel Beiras, que promoven dende o 2000 para recoñecer as empresas que empregan habitualmente o galego na súa comunicación. Fano dende a lembranza a un comerciante compostelán, Manuel Beiras, comprometido coa cultura e a lingua galega e cuxo nome se une este ano ao de Ela Diz, Toxo Telecom e Chichalovers, as tres firmas que acaban de ver recoñecido o seu compromiso co idioma nas tres modalidades premiadas.
Ela Diz, un negocio de moda responsable aberto por unha propietaria procedente de fóra de Galicia, resultou gañadora na categoría de uso continuado do galego. O xurado recoñeceuna como «exemplo de integración e respecto á cultura de acollida». Toxo Telecom levou a distinción na modalidade de nova incorporación. O xurado eloxiou o «valor diferencial» co que utiliza a lingua esta operadora de telecomunicións de recente implantación en Santiago. A categoría de comunicación innovadora recaeu en Chichalovers, bocatería e hamburguesería que pon en valor, di o xurado, «o territorio, o produto de proximidade e a nosa cultura cunha comunicación orixinal e desenfadada». Presidiron a entrega a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a presidenta da Cámara de Comercio, María Pais.