José Carlos García, portavoz do Foro Cívico: «Santiago necesita que o polígono de Mallou sexa o que foi Fontiñas»

SANTIAGO

García, no seu despacho de Santiago
García, no seu despacho de Santiago PACO RODRÍGUEZ

Pide abordar os grandes retos da cidade e relegar xa a batalla ideolóxica

05 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

José Carlos García Cumplido (Agolada, 1959) exerce de portavoz do Foro Cívico, entidade que engloba as institucións e asociacións máis relevantes de Santiago. Aproveita o arranque do 2025 para poñerlle deberes aos políticos, aos que pide que se deixen de debates ideolóxicos e comecen a abordar, de certo, os problemas que a capital galega arrastra dende hai xa moitos anos.

—Comezamos un novo ano. Que retos cre que afronta Santiago?

—A sensación que temos é a de que hai un parón, que non vén de agora. A cidade non avanza coa enerxía e rapidez que necesita. Non se afrontan os problemas estruturais, pero tampouco os inmediatos dos veciños. Uns 40 servizos están transferidos ao Concello e a maior parte deles teñen os contratos caducados. Non vemos que os expedientes se axilicen. Sempre poñemos o exemplo do contrato da auga, que leva anos extinguido. A empresa concesionaria limítase a cobrar as tarifas, pero non fai inversións, e iso é un problema. Logo está a vivenda, que é outro problema grave. En Santiago falta solo para construír, o que impide ofrecer prezos razoables. Levamos anos expulsando a xente cara a concellos periféricos. A maiores, cando chega unha administración como a Xunta, que decide desenvolver un polígono de 3.000 vivendas en Mallou, que xa podían ser 4.000, dende o Concello ocorre o mesmo de sempre: tan pronto como alguén presenta unha idea, din que non lles gusta ou que preferían outra anterior. É sorprendente que ante un problema destas dimensións, os políticos se poñan de perfil e se dediquen á ideoloxía, pero sen resolver os problemas.

—No eido da vivenda, a situación dificilmente podería estar peor.

—Dende o ano 2008, por consecuencia da crise financeira que afectou ao mundo do ladrillo, desapareceron as grúas da construción que había por Santiago. Agora toca poñer solo a disposición dos promotores, unidades pequenas serven, non grandes que non haxa capacidade de xestionar. Despois é importante que se axilicen as licenzas, tamén hai que dicir que non ten sentido que unha licenza normal de execución tarde un ano e medio. Se falamos de desenvolvementos máis grandes xa estamos entre tres ou catro anos. Algo similar vivino cunha simple consulta ao Concello. Pedina en novembro e déronme vez para febreiro. Isto é o que pasa, que é a incapacidade absoluta de xestión das nosas administracións, e non se está traballando para resolvelo. Logo está o tema de considerar os pequenos aforradores como especuladores por comprar una vivenda e dedicala ao aluguer. Sen eses señores, os promotores non fan vivenda porque non teñen a quen venderlla. Non podemos criminalizalos porque decidan aforrar e comprar unha vivenda. Esa antes era unha cadea normal que neste país rompeuse por razóns que todos coñecemos. A esa xente ségueselle martirizando con subas de IBI e limitacións de todo tipo.

—O novo polígono de vivendas de Mallou veo posible?

—Eu creo que si, se o Concello non lle pon máis peros que os necesarios. Santiago necesita que o polígono de vivendas de Mallou sexa o que foi Fontiñas no 89. Pedímosllo á alcaldesa e ao concelleiro de Urbanismo na reunión que tivemos hai un ano e medio. Esas 3.000 vivendas son fundamentais para acadar un impacto real no prezo dos inmobles.

—Vimos dun 2024 no que se actuou para regular as vivendas turísticas, ¿qué opina o Foro?

—A opinión é clara. A vivenda turística necesita unha regulación, como necesitan as pensións, hoteis ou calquera actividade económica. Todo o resto son limitacións e atrancos á actividade económica que non resolven nada. Iso de que haxa que prohibilas para que saian os pisos ao mercado sona a que se está intentando tapar unha incapacidade. Metémonos coas vivendas turísticas e cos especuladores que teñen grandes cantidades de vivenda, pero eu, que vivo aquí, vexo a xente que ten unha ou dúas. Non coñezo propietarios ou empresas que conten con 50 ou 100 vivendas en Santiago.

«Levamos 15 anos sen facer inversións no transporte público porque non hai contrato»

—Unha das críticas recorrentes do Foro é a do estado do transporte público da cidade.

—A concesión do transporte urbano e a da auga levan anos sen licitarse, o que é a manifestación dunha incapacidade de xestión que non vén de agora. Compostela Aberta xa non foi quen de facelo cando estivo no goberno, tampouco o PSOE e agora está o BNG, e seguimos co mesmo problema. Levamos 15 anos sen facer inversións no transporte público porque non hai contrato e o actual concesionario está traballando por obrigación de servizo público. É inconcibible tamén que levemos 15 anos cun contrato de auga que non está en vigor. Hai que poñerse a traballar e sacalos adiante. Non debe ser tan complexo cando en España se licitan todos días.

—Teñen falado da importancia de reindustrializar Santiago. Ve algún brote verde sobre iso?

—Creo que non merece moito comentario porque non hai nin sequera rumores. Por certo, cando se fala de calquera tipo de industria, a resposta automaticamente é o non. Non a unha autopista, non a unha celulosa. Eu digo, vale, pero, á parte do non, que queremos para a cidade de Santiago ou para a súa comarca? Miro atrás e o único que vexo é que de Santiago marchou unha empresa importante, que por sorte non se foi moi lonxe. Gustaríame que os responsables do Concello puxeran enriba da mesa o seu concepto de industrialización para saber concretamente que queren. Porque, se non, é esperar a que veña alguén e, cando chegue, dicirlle o que ten que facer e o que non.

—Queda o turismo.

—Si, pero é algo herdado. É un fluxo que parte do xacobeo. Tampouco resulta fácil poñernos de acordo en facer algo que transforme esa riada de riqueza e evite saturacións puntuais ou problemas de prestacións de servizos, algo que tamén afecta a que os turistas desfruten adecuadamente da cidade, que tamén é un obxectivo para que volvan. Neste aspecto tamén falta unha estrutura clara do que se quere.