Representantes públicos, de institucións, amigos e familiares lembraron as dúas figuras no día do seu cabodano
06 ene 2025 . Actualizado a las 04:55 h.Faleceron con 86 anos de diferenza un 5 de xaneiro, pero os restos de Ramón María del Valle-Inclán e de Isaac Díaz Pardo repousan a escasos metros de distancia en Boisaca. Agora, distintas institucións lembran cada ano a estas dúas figuras e reivindican o seu legado. Onte, a pesar da chuvia e o vento, as súas lápidas enchéronse de flores.
Tanto representantes da Xunta como do Concello de Santiago depositaron ramos para conmemorar o 89.º aniversario da morte de Valle-Inclán e o 13.º cabodano de Isaac Díaz Pardo. Ademais de familiares de ambos autores, estiveron representantes do Museo Valle-Inclán, dos concellos da Pobra do Caramiñal e Vilanova de Arousa, da Asociación Amigos de Valle-Inclán e o Foro Galicia, así como membros da Academia Real Díaz Pardo, do colectivo Esbravexo e da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo de Sada.
O conselleiro de Cultura, José López, indicou que máis alá do profundo talento tanto de Valle-Inclán como de Díaz Pardo, hai que enxalzar a profunda pegada humana que deixaron entre os galegos. Pola súa banda, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, salientou que se trata de «dúas figuras relevantes para Santiago» Ademais, lembrou que non só descansan xuntos en Boisaca, senón que tamén teñen estatuas na Alameda. Non se esqueceu tampouco a rexedora do vínculo que ambos tiñan con Castelao. Tamén fixo fincapé en que colaborarán para difundir as súas figuras.
Por outra banda, membros da Academia Real Díaz Pardo, de Alento Esbravexo e da asociación Irmáns Suárez Picallo, así como amigos e familiares do galeguista ofrecéronlle a Díaz Pardo as mazás evocadas no poema de Lorenzo Varela «Compañeiros da miña xeración mortos e asasinados», un dos poemas que se leron no acto.