Tania Tumbeiro: «Non imos de salvadoras, a intención é facer acompañamento ás persoas»

Manolo Fraga SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

Afirma que todos os días aprendes algo e que ten «infinitas» curiosidades

03 feb 2025 . Actualizado a las 21:24 h.

Arraianas é unha asociación sen ánimo de lucro, que nace en Santiago en 2020, como «unha ponte entre as persoas que carecen de recursos, medios ou información e a consecución dos seus dereitos inalienables, a través de servizos profesionais especializados, prestando atención sobre todo a migrantes e mulleres», tal como reza o seu folleto de presentación. «Quixemos facer algo distinto do asistencialismo infantil ou paternal. Entendemos as persoas vendo as súas propias capacidades. Non queremos ir de salvadoras, porque confiamos no ser humano e a nosa intención é facer un acompañamento. E tratar de ti a ti, sen poñerte por riba delas», segundo explica Tania Tumbeiro López (Carballedo, 1984), presidenta de Arraianas. Toda a xunta directiva realiza o seu traballo profesional remunerado na entidade, que ten a sede na rúa do Pexigo de Arriba. «A idea de crear a asociación xorde dun grupo de persoas que viñamos do ámbito social, compartiamos esta inquedanza sobre como atender a xente e quixemos procurar tamén unha vida laboral», tal como apunta a actual titular, que é educadora social.

Arraianas ten un cento de socias e socios, oito persoas contratadas e un autónomo, e conta cunha vintena de persoas voluntarias. Os datos económicos de 2024 falan, aproximadamente, de 296.000 euros de financiamento público, 12.500 de achega privada, uns 6.500 por doazóns e 2.600 polas cotas das socias. «Atendemos moitas mulleres monomarentais, así como persoas soas ou maiores. Hai xente que leva con nós desde o principio, porque precisan trámites administrativos, deixar os nenos con nós a través do programa de conciliación, acompañamento aos servizos sociais ou citas médicas… As persoas que recibimos queren traballar en ocupacións dignas: Non queren estar internas nunha casa sen contrato e sen apenas horas libres, e ás veces taxándolles a comida. Eu tampouco quero isto para min», segundo afirma Tumbeiro. A experiencia profesional dilles que a burocracia cos migrantes é lenta e que te mina mentalmente. «Moitas destas persoas acaban na economía mergullada, porque é a única solución que teñen e aí danse os abusos», advirte.

O voluntariado da xove asociación dá clases de castelán e inglés, fai apoio á conciliación, ocúpase da dixitalización de documentos e asume certo soporte informático. Tamén hai un grupo de mulleres que se xuntan para falar, facer diversas actividades ou mesmo ir de excursión. «Agora que o proxecto está voando e estabilizándose, queremos que sexan persoas voluntarias as que se fagan cargo da xunta directiva, algo que non foi posible ata o de agora. Cómpre pensar que, ademais do traballo profesional, facemos moitas horas non retribuídas como xunta directiva», segundo matiza a presidenta. A Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago son as principais Administracións Públicas que axudan a Arraianas; tamén teñen un contrato co Concello de Ribeira pola prestación dun determinado servizo. «Empezamos a ter doazóns importantes, como a de Compostela Solidaria, case 6.000 euros do seu concerto benéfico. Ou a dunha publicación colectiva impulsada por Isabel Méndez Naya, Contrastes», agrega.

Arraianas está a elaborar un plan estratéxico de actuación a tres anos. «Aínda que xa estamos aí, estamos valorando entrar no desenvolvemento rural, e quizá facer un proxecto de cooperación internacional», segundo avanza Tumbeiro, que anteriormente traballou no ámbito das drogodependencias e en centros de menores. «Gústame moito traballar coas persoas e sempre medro. Todos os días aprendes algo. Teño infinitas curiosidades. Creo na humanidade e faime feliz este traballo. É certo que é moi cansado e que ves historias moi duras, pero cómpre ver o bonito na dureza desas historias», conclúe.