Omonumento de Montero Ríos xa presidía a praza de Mazarelos cando naceu alí a Facultade de Filoloxía hai cincuenta anos. As linguas e literaturas, que
estaban encaixadas no edificio dun pouco máis arriba —chamado o da Universidade—, demandaban un espazo propio. As humanidades experimentaban un crecemento no rebelde decenio dos setenta, a verdadeira década prodixiosa. A tradición filolóxica compostelá bebía dos maxisterios extraordinarios de catedráticos como Enrique Moreno Báez, Abelardo Moralejo Laso, Manuel Rabanal Álvarez, Manuel Cecilio Díaz y Díaz, Constantino García González… E logo virían xoves e inquedos profesores que consolidarían estes estudos, mentres a investigación se refinaba nunha vizosa árbore de diversas especialidades. O edificio, que antes fóra o instituto onde estudou meu pai, albergou nos 90 os primeiros anos da recén creada titulación de Xornalismo, ata que Filosofía atopou alí a súa sede definitiva. O inmoble foi
reformado a principios de século polo arquitecto Julián Morenas Aydillo, que abriu un magnífico lucernario no centro da construción. Espero que nunca deixe de ser unha arquitectura de uso educativo.
Daquela, a mocidade universitaria dominaba o ambiente da praza, ben servida de cafeterías e copisterías, sen esquecer os coches. Hoxe as terrazas son máis grandes pola ausencia de vehículos, mentres os estudantes comparten o espazo con turistas e peregrinos. Así que os locais de comida, para gustos e petos, abundan como no resto da zona vella. Falsos plátanos seguen suavizando o paramento da antiga Igrexa dos xesuítas, recinto de exposicións
e concertos, onde calquera mortal pode elevarse como o incienso do Botafumeiro. O edificio institucional de Emigración loce un recente remozado, cun balcón de reixa e dous escudos labrados na fachada. Cara a arriba, igualmente rehabilitada, está a edificación que acollera a mítica casa de comidas El Asesino, un clásico de estudantes e profesores, intelectuais e escritores, bohemios e pícaros, hoxe transfigurado nun restaurante xaponés.
Menos mal que por abaixo seguimos mirando o arco por onde entraba o viño do Ribeiro. Tres cafeterías relocían máis co sol dacabalo entre os 70 e os 80: Candilejas, Zíngara e a da Facultade de Historia. O Candilejas tiña unha sala cadrada con mesas cómodas para poder facer traballos en grupo, falar dos nosos mestres ou botar a tarde xogando ao parchís. Alí traballou José Calo, hoxe camareiro de La Codorniz, na rúa de Alfredo Brañas. O Candilejas agora chámase Mercedes, na honra da avoa de Ana Portals, que rexenta o negocio cun enfoque actual. A Zíngara, que daba menús, era máis territorio dos profesores. Alí traballou David Mera, hoxe en La Codorniz. Daquela levaba o establecemento o matrimonio formado por Gustavo Agra e Fina Castro, nonaxenarios benditos. E a cafetería de Historia, que acollía unha mestura de estudantado e veciñanza. De ampla cristaleira e mellores prezos, aquel espazo era un pavillón exento que convidaba a facer novas amizades e a ensanchar os nosos horizontes xuvenís.
Lugar de traballo intelectual, feiras e mercados, recitais e teatros, cantareiras e foliadas, desaloxos e escapadas, molladuras e noites de lúa, verbenas e quedadas, cantos e poemas, artistas e peregrinos, amores e beixos… Mazarelos é unha praza alternativa, profana e universitaria. A alma da vida que empeza!