«Temos a sensación de que somos unha pedra no zapato dos políticos»

Margarita Mosteiro Miguel
Marga Mosteiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

«A xente está indignada polo grado de abandono da cidade», apunta

30 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé María Durán preside a Asociación de Veciños Raigame, do Ensanche compostelán. Trátase dunha das entidades do movemento veciñal con máis historia de Santiago. «Naceu na rúa Nova de Abaixo nos anos 80 e, precisamente, foi para loitar contra o ruído nocturno. Cando a rúa Nova se enchía ata a bandeira».

—Raigame naceu do enfado veciñal pola movida nocturna. Segue o malestar?

—A xente xúntanse cando hai problemas. Pasou nos 80 e agora. Xuntámonos para solucionar problemas, tamén para as festas. Pero os conflitos unen máis. Cando nos xuntamos no local para falar do ruído, a xente veu en masa.

—Mellorou a situación?

—Mudou o perfil da xente que vive nos pisos e tamén da xente que está nos locais. Hoxe hai puntos negros, imos chamarlle así, en Fernando III O Santo, Santiago de Chile, Santiago del Estero e República Arxentina. Os comportamentos son distintos. Hai moito alcohol, pero o problema está na mestura das cousas que se mete a xente.

—Na década dos 80 a droga tamén corría?

—Pero había respecto pola autoridade. Agora algún non distingue entre un policía e un farol. O grado de agresividade é terrible. Temos vídeos feitos por veciños onde a policía ten que escapar, e axentes agredidos. A policía intervén se hai sangue. O que dicía o presidente da asociación Río Sarela de que lles din que «nos tendes fritos» tamén nolo din a nós. Hai uns días agrediron a un veciño porque se negou a cambiarlles un billete de 10 euros.

—O ruído e a conflitividade nocturna é o máis preocupante?

—É un dos problemas fundamentais. Non poder durmir é moi preocupante. Hai locais que usan a rúa como unha extensión dos propios establecementos. Teñen xente na porta para botar á rúa aos que teñen liortas no interior do local, así o problema é doutro. Outro asunto que ten indignada á xente é o grado de abandono da cidade con falta de limpeza e acumulación de lixo na rúa.

—O Concello fala de incivismo dos que deixan o lixo fóra dos contedores e a calquera hora.

—Iso pode pasar, pero o certo é que hai días nos que non ves recoller o lixo. Se sumas condutas incorrectas co feito de que non baleiran os contedores nin os limpan, o resultado é o que se ve na rúa. En calquera caso, o concelleiro recoñeceu os problemas e falou de sancións á empresa.

—Hai uns días publicaron un vídeo con ratas na rúa?

—Non quero imaxinar o que hai baixo os contedores subterráneos. Falla a limpeza. Percíbese un abandono da cidade: pintadas, mobiliario roto e en mal estado, illas sucias, árbores e testos rotos e deteriorados. A sensación é de abandono e desleixo.

—Sente que as críticas veciñais caen en saco roto?

—Temos a sensación de que somos unha pedra no zapato. É un ninguneo, unha xordeira total. Para eles é unha molestia que continuamente esteamos facendo reclamacións. Teñen unha ruta marcada e o único que lles preocupa son os grandes titulares. Non reparan nos problemas reais da xente. Penso que a Bugallo lle pasou factura a separación coa xente.

—Non é vostede o primeiro voceiro veciñal que fala así.

—Se os políticos fosen medianamente intelixentes e sensatos, veríannos máis como aliados e non coma un problema. Creo que é unha auténtica falta de respecto cara os veciños e o movemento veciñal. Non entenden que o único que pretendemos é velar por unha cidade mellor. Sabes o que realmente lles indigna?

—Que?

—Cando saen nos medios. Calquera que teña un pouco de amor pola cidade non quere airear as miserias e os problemas, pero obrígannos a facelo. Non nos queda outra. Ata que sae publicamente, non actúan. É como se os problemas non foran con eles. Aos veciños pedímoslles que fagan visibles os problemas, que fagan vídeos e fotos. Nós editámolos e subímolos ás redes sociais. Entón venos. Non entendo como non ven as cousas. Non vamos perder máis o tempo comunicándolles os problemas, porque non serve de nada. Cando saen en redes sociais ou nos medios, entón ás veces reaccionan. Non se entende, pero é así.

«Peleteiro é un pelotazo urbanístico de dimensión colosal»

A finca do Peleteiro é un dos asuntos que máis horas de reunións e queixas ten suscitado no Ensanche nos últimos anos. A solución final foi valorada como «moi negativa e incluso ofensiva» polo presidente de Raigame e membro da plataforma.

—A solución de Peleteiro caeu mal no Ensanche?

—O goberno municipal actual foi o que nos defendeu, dixo defender os intereses dos veciños. Díxoo no penúltimo pleno no que se rexeitou o modelo do grupo de goberno anterior. Agora apoian o mesmo modelo sen consultar á veciñanza, a todo correr e con prevaricación, escurantismo, nocturnidade e alevosía. Non nos queda outra que iniciar accións legais. Falo agora como representante da plataforma que se creou no ano 2022 para isto. Contrataremos un arquitecto e un avogado, ao mesmo que xa gañou un preito hai 13 anos polo tema cos veciños da rúa da Rosa e paralizou o proxecto.

—Que tería que modificarse para evitar esa demanda xudicial?

—Dixéomolo moitas veces. Ten que ter seguridade xurídica. Non só por eles, senón pola empresa e polos propietarios que merquen ou que constrúan alí. Os tres eixes son: a distancia coa traseira da Rosa, o muro de sete plantas co ático sobre ático diante dos veciños de República Arxentina, e como se soluciona a medianeira co número 13 desta rúa. Houbo un momento no que había un consenso social e comercial case maioritario. Foi na etapa de Compostela Aberta. O grupo socialista votou en contra e, despois, supoño que por unha especie de vendeta, tamén se desbotou a proposta dos socialistas, porque dixeron que defendían os intereses dos veciños. A alcaldesa dixo que, mentres non houbera consenso cos veciños, eles non poderían apoiar o proxecto, e agora votan o mesmo que rexeitaron. A conclusión é que hai tal negocio, tal volume de negocio, que os políticos non son capaces de manexalo.

—Non é exactamente igual. Increméntase a vivenda pública.

—Queren disfrazar o pelotazo urbanístico cunha solución social. O carácter das vivendas sociais está en mans da empresa. As vivendas non van ser para mileuristas nin para necesitados. É un disfrace, unha milonga que trata de ocultar o que realmente é: un pelotazo urbanístico de dimensións colosais.