
O ciclo pechará a final de mes poñendo o foco no traballo de Janet Novás
02 may 2025 . Actualizado a las 04:55 h.Santiago continúa a celebración do Día Internacional da Danza que iniciou o martes coa programación de catro espectáculos hoxe e mañá incluíndo propostas tanto para público adulto como para a rapazada.
Esta tarde, ás 17 e ás 18 horas, a Sala Mozart do Auditorio acollerá «Mímesis», de Zig Zag Danza, dirixido á cativada menor de 3 anos. Despois, ás 20.30 horas, chega ao Teatro Principal «Para que non me deixes aquí soa», de Julia Laport. Nel investiga a perda de identidade e a procura dun outro que poida cubrir esa carencia a través dun xogo de máscaras e deformidades faciais.
Mañá sábado, os máis pequenos teñen unha nova cita no Auditorio de Galicia, nesta ocasión, na Sala Ángel Brage (10.30, 11.30 e 12.30 horas), representarase «Bob Marley for babies» pola compañía La Petita Mamaluga.
Despois, a partir das 20 horas, a cita será na Casa das Máquinas cunha proposta de acceso libre que incluirá a representación das montaxes «Pies de gallina», de Ana F. Melero e Luna Sánchez; e «Zenez», de Fil d’Arena.
A programación de danza pecharase a final de mes poñendo o foco en Janet Novás. O 23 de maio poderá verse «Proto» e o día 24 conducirá un obradoiro.