Martiño Noriega: «Cuestións que con nós podían resultar disonantes, hoxe están normalizadas»
SANTIAGO

Afirma que os tempos da administración non son os que merece a capital
11 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hai dez anos, as mareas municipais irrompían no panorama político galego para facerse coas alcaldías da Coruña, Ferrol e Santiago. Abandeirada por Martiño Noriega, Compostela Aberta (CA) entraba en Raxoi, na súa primeira cita electoral, para asumir un goberno en solitario (10 edís) que acabaría cedendo catro anos despois ao socialista Xosé Sánchez Bugallo. Alonxado hoxe da primeira liña, aínda que non da política —é portavoz de Anova—, Noriega revisa aquela etapa mentres promociona o libro co que dá conta da súa volta ao exercicio da medicina: Os médicos tamén enferman.
—Volve estar no foco mediático, pero este é máis amable.
—Si, é máis amable, porque permite facer unha prolongación do exercicio profesional da medicina. O libro toca temática médica e esa recollida das voces dos doentes, mantendo a confidencialidade, dáche o mesmo retorno que che dá a consulta, que é sempre un retorno moi agarimoso, positivo.
—No plano político, hai dez anos da chegada das mareas municipais. Dez anos que permiten mirar atrás xa con certa perspectiva. Como ve agora o seu paso por Raxoi?
—Aínda que incorporado dende o 2020 á medicina, sigo mantendo o activismo. Sigo conectado politicamente. E vexo o paso pola alcaldía de Santiago con orgullo sempre. Para min foi un antes e un despois, para ben e para mal, sobre todo para ben. Creo que se marcou unha axenda de asuntos da cidade, respecto a cuestión do modelo turístico, da planificación das grandes infraestruturas, da participación, de campañas como Compostela en negro, que dalgunha maneira seguen a estar vixentes, con outros actores, pero seguen a condicionar a axenda do día a día. Creo que ese foi o gran mérito, marcar esa axenda e incluso anticiparnos a determinadas problemáticas que ten a cidade.
—Como cales?
—Como a cuestión do modelo turístico actual, o modelo a granel, do que Santiago depende, pero que tamén lle resta como modelo de cidade para a veciñanza. Creo que ese é o legado, que as cuestións que naquel momento se formularon e podían resultar un pouco disonantes hoxe están normalizadas e interiorizadas no modelo de debate. Pero máis alá da taxa turística, xorde que modelo de cidade queremos, como o regulamos. Estou pensando na problemática que temos hoxe de vivenda.
—Con que se queda do que aportou Compostela Aberta á cidade?
—Non pretendo mirarme o embigo, pero quedo co propio espazo cooperativo que se construíu en torno a Compostela e que a día de hoxe segue a aportar en coalición co BNG. É certo que nunha posición máis minorada e cunha correlación de forzas á inversa da que había entón no campo da esquerda, pero segue a aportar. Pero eu aí, máis alá de todo o proceso das mareas e de todo o convulso que foi, sempre defendo que nos espazos locais si funcionaron, seguramente porque estabamos máis apegados aos problemas reais.
—Sen embargo, en catro anos perderon a metade da representación. Á marxe do arrastre que puido supor o declive da marea galega, escapóuselle algunha clave que non soubo ver nos composteláns ou na cidade?
—A día de hoxe estase a gobernar dende a esquerda coas mesmas porcentaxes coas que perdemos catro anos despois. E nese sentido creo que influíron moitas casuísticas. Evidentemente, puidéronse cometer erros, non o nego. Iso pasa cando pasas por unha administración. E non só había o deterioro do espazo a nivel galego da marea, que xa empezaba a ser percibido, que tamén restou, senón que tamén había unha onda de arrastre en torno á figura de Pedro Sánchez nos concellos das grandes cidades. E logo, creo que nos pasou o que lle pasou a outros gobernos, como ao PSOE.
—E iso foi?
—O problema estrutural que ten o Concello como institución, que, polo déficit de persoal e as dinámicas internas, é unha administración que dalgunha maneira non está á altura da capital dun país en canto a tramitación de procedementos. O recorte de persoal facía que fose unha odisea poder tramitar cada expediente, e iso vai máis alá da política. E creo que segue acontecendo. O da tramitación, os pagos, as licitacións, son uns tempos que non están á altura do que precisa a capital do país. E iso xera frustración, porque podes ter os fondos, dicir que vas licitar un proxecto, pero ves que pasan os anos. Moitos proxectos nosos vinos executar ao final do mandato do PSOE, e algún na actualidade. Eses non son tempos para unha administración e creo que fai que a propia cidadanía teña un desapego da administración e proxecten aos responsables políticos esa frustración do retraso.
—E cal é a solución? Porque Sanmartín tenta dar con ela.
—É un problema de déficit de persoal, pero tamén de funcionamento, de reconstrución dos circuítos. E creo que minusvaloramos esa situación no noso mandato, condicionou tamén o goberno seguinte do PSOE e condiciona o actual.
«Non descarto nada, pero agora estou onde estou, volcado no exercicio da medicina»
Coa operación Peleteiro agora orientada, Noriega di que se «perderon anos», logo de que a súa proposta non saíra adiante.
—A obra da intermodal está rematando. Iso foi un quebradeiro para vostede, non?
—Bueno, pero iso estivo moi condicionado polo hábitat que había, polo ambiente. Pero coa colaboración institucional da entón ministra Ana Pastor saíu, porque houbo vontade de que saíra. Santiago está ben posicionada para a intermodalidade. Pasar por alí ponme contento: foron moitas conversas.
—Vostede salvou da piqueta a Casa da Xuventude. Dóelle ver como esmorece agora?
—Sigo pensando que había que salvala para xerar o proxecto de reforma e apertura ao parque. Iso non se fixo e segue sendo unha cuestión enquistada menor. Nós non estivemos rápidos buscando unha solución. E entendo que o goberno non entre en cuestións disonantes entre eles.
—Segue na portavocía de Anova. Pensa volver á primeira liña?
—Eu non descarto nada, pero estes anos estou totalmente volcado no exercicio da medicina, que me permitiu recuperar a vocación e a liberdade. Ad futuro non descarto nada, pero a día de hoxe estou onde estou e non dou para máis. Si que ao longo destes anos rexeitei propostas de participación, porque entendín que non se daban as condicións, individuais, porque necesitaba osixenarme e coller distancia. Ad futuro, creo que a decisión que adopte estará sempre condicionada pola colectiva.
«Cunha situación aritmética complicada, este goberno está a facer un bo traballo»
Martiño Noriega valora a xestión do goberno, pero advirte dos riscos da crise do PSOE.
—A súa foi unha formación rupturista. Sentiuse incomprendido?
—Incomprendido, criticado e atacado. Cando vas a determinados lugares que nunca foron explorados hai ese risco, pero ao final das determinados debates que acaban normalizándose. Como o dunha posición de respecto, de boa relación, con outros estamentos, como a Igrexa, pero dende unha posición dende a representación institucional asentada na laicidade. Pois, ben, foi moi polémico, pero a día de hoxe iso segue acontecendo co goberno actual e non hai tanta polémica.
—Si, aí Sanmartín tívoo máis fácil.
—Pero está ben, porque no fondo forma parte da normalización. Por iso falaba da axenda: a día de hoxe a axenda segue aí, pero é máis amable, e alégrome. Si que houbo determinadas situacións nas que creo que non medimos as reaccións. Creo que a vontade que tiñamos de recuperar a prestación de servizos en grandes contratas puxo nerviosos a determinados poderes económicos. Aí si nos sentimos bastante atacados, e tamén determinadas dinámicas que se deron na cidade, a través de determinados sectores fácticos, que tampouco axudou moito.
—Como ve o goberno bipartito do BNG e CA?
—Cunha situación aritmética complicada, está facendo un bo traballo nunha situación moito máis sosegada da que nós vivimos, e iso tamén axuda. Pero a miña dúbida non é tanto coa capacidade que pode ter o BNG liderado pola alcaldesa e o rol dun espazo como CA, que aínda ten que dicir cousas na cidade, senón o que vai pasar ad futuro, porque a quen non vexo nestes momentos na cidade é ao PSOE.
—Si, esa crise...
—Creo que esa crise pode ter unhas consecuencias impredicibles, porque todos sabemos que o PSOE, sobre todo a candidatura liderada por Bugallo, tiña unha capacidade de ir máis aló, era transfronteiriza, incluso podía absorber electorado próximo ao PP. E, nestes momentos, esa implosión xera aí unha incógnita dende o coñecemento das aritméticas, e iso xera un momento de incerteza no que o PSOE ten unha gran responsabilidade. Máis alá das posicións de cada quen, non sei se estarán a ser ben baremadas pola dirección a nivel galego as consecuencias que pode ter na cidade. Non o sei, dende fóra dá a sensación de que non, de que iso non se está a valorar, e creo que é bastante irresponsable.