
Esta tarde as instalacións de Xoán XXIII acollerán un obradoiro sobre as cantareiras
12 may 2025 . Actualizado a las 04:55 h.A Biblioteca Ánxel Casal intensifica a partir de hoxe a programación deseñada con motivo das Letras Galegas. Á mostra infantil «Por que non de cantare» que se pode ver durante todo este mes, engádelle este tarde un obradoiro sobre as cantareiras a cargo de Montse Rivera, unha das impulsoras de Leilía. Será a partir das 19 horas e está orientado a persoas maiores de 14 anos. O día 16 está previsto o roteiro «Día das Letras Galegas e Compostela», que repasa a historia da efeméride prestando especial atención ao seu vínculo coa cidade. Completa a programación tamén o día 16 o espectáculo «Desde Rosalía ata as cantareiras: as mulleres nas Letras» e o día 24 a sesión de contacontos «Carme, a cantareira da aldea», de Andamiaxe.
Pola súa banda, a Biblioteca de Galicia propón unha exposición baixo o titulo «Tesoureiras do noso» reivindicando a figura das mulleres que salvagardaron a cultura popular. Ademais, o día 16 organiza un concerto do dúo folk formado por Marina Carpente e Claudia Abril, mentres que o 24 regresará a música co proxecto «Canta compañeira canta» de Felisa Segade e Merchi Rodríguez. Para os máis pequeno organizará dous obradoiros: o día 25 co taller musical «Desde Rosalía ás cantareiras» e o 7 de xuño con «Diorama. Fai a túa caixa-conto».