
A Festa do Banquete enche de música, libros e maxia a carballeira e as prazas do barrio
25 may 2025 . Actualizado a las 04:55 h.A senda aberta un 2 de marzo de 1856 baixo a bandeira de «Orde e fraternidade» coa histórica comida reivindicativa na carballeira de Conxo na que estudantes e artesáns compartían mesa terá hoxe continuidade. Eso si, será unha réplica cun carácter lúdico e festivo para lembrar aquel brinde protagonizado por Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre e Luis Rodríguez Seoane. Esta nova edición da Festa do Banquete de Conxo, que levantou o pano o venres, iniciará o seu día grande ás 11 horas cun desfile teatral desde a praza do Toural ata Conxo encabezado por Os Quinquilláns e co acompañamento musical de Luis O Caruncho.
Nos primeiros compases, as actividades desenvolveranse na praza central e na Aurelio Aguirre. Ás 12 horas presentarase o libro «Taibo. Verso libre da música galega. Compostela/México D.F.», de Alberto Cancela. Despois, ás 12.30 horas, será a quenda da música co concerto «Let’s folk» do grupo Suzukiños. Ás 13.45 horas, Xosé Neira, en representación da parroquia de Aríns, e Manuel Cespón, da de Figueiras, ofrecerán o pregón desta edición. Logo comezará un desfile teatral cara a carballeira, onde lle seguirá una recreación teatral do Banquete de Conxo ás 14.15 horas. A continuación celebrarase o xantar e a romaría popular á que animan a todos os asistentes a acudir con vestimenta de época para recrear o histórico encontro de 1856.
Xa pola tarde, ás 16 horas, comezarán os xogos tradicionais e, media hora despois, será tempo de foliada con Os Fondados do Pífaro, Devagarinho de Villestro, a Asociación de Música e Baile Tradicional de Conxo, o grupo de cantos de taberna Cantadores de Recandea e Muiñeiros de Sarela. Ás 17.30 horas, Catropés unirá animación en zancos e a danza co teatro para un pequeno pasarrúas.
Pero a actividade non só se desenvolverá na carballeira, ás 17 horas, na praza Aurelio Aguirre, a editorial Dornavela presentará libros e media hora despois, será a quenda do mago Teto. Ás 18.30 horas, na praza de Conxo actuará Peter Punk.
Tamén continuará o Mercado do Libro con máis dunha decena de postos e incluíndo tres presentación ao longo da xornada, e a mostra de oficios tradicionais a cargo dos artesáns Manuel Figueiras, Xosé Tunhas e Forxa Chago. A despedida da Festa será ás 18.30 horas cun pregón de peche de Teresa Moure.