Ricardo Pita: «O Camiño permite mirar aos adentros, pero tamén me gusta o cansazo»
SANTIAGO

Fixo o Primitivo cun grupo de cincuenta persoas da parroquia dos Tilos
26 may 2025 . Actualizado a las 08:53 h.Funcionario da Xunta de Galicia e amante do Camiño de Santiago, Ricardo Pita Fernández (Ferrol, 1966) acaba de completar a ruta xacobea desde Grandas de Salime (Asturias) a Melide coa parroquia dos Tilos. «Fixera o Francés desde O Cebreiro hai vinte anos e agora reenganchei facendo o Primitivo. E quedei con ganas de máis», segundo afirma Pita, que camiñou xunto á súa muller e algún outro familiar. A relación co medio natural e coa arquitectura rural conquistouno, porque confesa que é máis de costa, pero neste itinerario apunta que descubriu a Galicia interior.
«Ademais o Camiño faiche pensar en cousas que non pensara antes. Sentirte parte da historia, continuador dunha tradición… Vinme partícipe de todo isto. A camiñada son unhas catro horas, tempo que che permite ir coa xente do grupo, á que tamén vas coñecendo, pero tamén camiñar só. Aproveitas, entón, para pensar e mirar cara aos adentros. O Camiño é moi propicio para isto», tal como explica o peregrino. «Pero tamén valoro moito a satisfacción que me produce o cansazo co que chego a casa, e deitarte con dor de cadeiras logo dunha boa ducha e unha cervexa fresquiña, claro», engade.
A cidade das murallas está en pleno Camiño Primitivo, aínda que pola provincia pasan tres rutas xacobeas. «Lugo gustaríame para vivir, polo ambiente que vin o outro día; aínda que Santiago é a urbe máis bonita de Galicia. Posiblemente inflúe que é onde vivo. Bueno, refírome aos cascos históricos, porque os ensanches son todos iguais. Sigo marabillándome cada vez que entro no Obradorio, póñome no centro e xiro 360 graos. Nunca vin unha praza no mundo que me diga tanto. As catro pezas arquitectónicas fan un conxunto redondo», segundo destaca Pita, que veu a estudar Filoloxía e xa quedou, polo que di sentirse compostelán.
Máis interesado na lingüística que na literatura e casado con outra ferrolá que coñeceu no instituto, Ricardo ten unha paixón: as moedas. «Eu non son numismático, son numismatópata. Na miña colección teño unha primeira moeda acuñada en Galicia, a nome do emperador Octavio Augusto, que data aproximadamente do ano 25 antes de Cristo. É un ás», segundo relata Pita, cuxa afección levouno a escribir dous libros sobre este tema. O primeiro versa sobre a Real Casa da Moeda de Xubia (Narón), que está descatalogado; e o segundo, sobre numismática galega, que se pode adquirir en Amazon. De feito, nos anos noventa, fundou en Santiago cun grupo de amigos un círculo filatélico e numismático. «Ultimamente ando máis volcado en ler e escribir sobre o tema que na propia colección. Un profesor de Inglés en Ferrol foi o que revelou este mundo, pero ningún dos meus fillos herdou este gusto polas moedas», conclúe.
Este asesor lingüístico da Consellería de Educación é unha caixa de sorpresas. Pon voz á locución do Sergas que escoitamos cando chamamos para pedir cita médica. «Os compañeiros do traballo dinme ás veces que estiveron toda a mañá falando comigo. E respondo sempre que eu non dou as citas, é o sistema», conta Ricardo entre risos, que pasou moitas horas gravando no salón de actos da Consellería de Sanidade. «Son moitas mensaxes, por especialidades, as actualizacións, de lembranza…», agrega o profesional que, nos anos noventa, foi quen de conxugar o seu traballo coa dobraxe. «Fixen o personaxe de Bestia na película, non de animación, La Bella y la Bestia. E dobrei moito culebrón venezolano, pero poucos protagonistas», conclúe o home de voz grave e caracterizada.
A ofrenda ao Apóstolo. A parroquia dos Tilos, que dirixe Benjamín Roo, fará o vindeiro sábado a ofrenda ao Apóstolo Santiago na misa de doce na Catedral. Sairán camiñando da parroquia teense e, na celebración litúrxica, cantará tamén o seu coro. Finalizarán este Camiño Primitivo cun xantar de confraternidade na hospedería de San Martiño Pinario. E, na sobremesa, teñen programada unha visita ao Museo Casa de la Troya.