María Losada: «Os meus libros axudan a entender a neurodiversidade»

SANTIAGO

JUAN MARTINEZ

A veciña de Rois presenta este venres o seu segundo libro, ás sete da tarde no auditorio municipal

05 jun 2025 . Actualizado a las 10:48 h.

Aos seus 23 anos, a veciña da Peruca, en Rois, María Losada Vázquez, presenta en xuño o seu segundo libro, titulado El club de los neurodivergentes. Más que todo, continuación do primeiro que publicou no ano 2022, os dous baixo a marca Universo de Letras. Trátase dunha historia ambientada no corazón de Galicia e na que cinco mozos, que pertencen a distintas clases sociais e orixes, teñen en común que padecen Trastorno do Espectro Autista (TEA), como a autora. Graduada en Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago, María Losada, que acaba de realizar as prácticas do máster no IES Eduardo Pondal de Santiago, foi elixida polo Concello para ser a pregoeira da festividade patronal de San Isidro, na que a veciña falou do que significa Rois para ela e de como a inspirou para escribir os seus libros.

A primeira persoa que a animou a escribir foi a súa propia nai, Begoña, pero a autora explica que, «en principio, a idea non me gustou», pero decidiu facelo animada tamén pola psiquiatra á que acudiu tras o diagnóstico.

O resultado son dous libros, dirixidos a tódalas idades, que buscan entreter pero tamén «axudar a comprender máis a neurodiversidade», sinala a autora.

A ela, persoalmente, non lle custou moito esforzo escribilos, quizais porque, confesa, «toda a vida me gustou moito facelo. De pequena xa escribía relatos curtos; logo animeime con novelas que nunca acababa ou, se o facía, non me convencían», afirma.

Nas publicacións de María Losada sobrevoa o diagnóstico de TEA que, no seu caso, non lle condicionou moito a vida, segundo conta. No segundo libro toca, ademais, outros trastornos, como o autismo, ou o síndrome de Sotos. E ata aí pode contar.

A moza de Rois ten en mente seguir escribindo no futuro, pero nunha liña distinta, para explorar outro tipo de historias con temática máis adulta, di. É consciente de que vivir da literatura é complicado polo que, namentres, segue formándose nun máster para ser profesora e, no seu momento, poder opositar a docente da súa especialidade, que é o que lle gustaría ter como medio de vida, quizais sen deixar de vista a escritura da que tanto disfruta.