Borja Verea, portavoz do PP: «Logo de dez anos de CA, PSOE e BNG, o tema da vivenda está peor que nunca»

rosa martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O popular afirma que o goberno bipartito só está a «administrar inercias»

31 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Borja Verea (Santiago, 1980) lidera a oposición municipal dende o 2023, cando aspirou por primeira vez á alcaldía. Con 11 edís, sostén que a maioría social da cidade estaría mellor representada cun pacto entre PP e PSOE (agora con dous edís) que lle dese a alcaldía. «Pero somos conscientes de que iso é imposible en Galicia», di. Para o socialista Guinarte, iso «é unha quimera total».

—Ten á alcaldesa un tanto irritada. Tilda a súa maneira de facer política de rastreira e manipuladora a conta do informe sobre a senda no Banquete de Conxo.

—Bueno, ela retrátase como unha persoa con pouca educación e sen categoría para ser a primeira representante dos santiagueses. En política, o máis importante é ser boa persoa e, con eses insultos, demostra que non o é. A ningún pai lle gusta que os seus fillos lean que o chaman rastreiro. Pois, como dicía, ela retrátase.

—Quizais é excesivo dicir que se goberna manterá o proxecto na súa integridade cando hai un informe de Patrimonio que o condiciona.

—As miñas declaracións son públicas e ela coñéceas. Dixen que retomarei integramente o proxecto e ampliareino cumprindo cos requisitos de Patrimonio natural e cultural. Por tanto, todo o que está dicindo é mentira, e ela sábeo.

—Como ve Santiago a estas alturas de mandato?

—Dá igual cando se faga esta pregunta. Nos últimos dez anos, CA, PSOE e BNG o que deixan é unha cidade paralizada, co que é moi difícil falar de prioridades ou de facer unha foto fixa. Estamos ante un fallo sistémico, ante un colapso total. Eu vin para liderar un cambio real, non para administrar inercias, e ao final, é o que está pasando. Nós temos un equipo experto para xestionar calquera departamento, facer cousas diferentes e poñer a cidade en marcha. O motor está gripado, hai que acendelo e poñer as luces largas.

—Hai dous anos, cando o actual goberno botou a andar, vostede auguraba máis colapso, máis parálise e moi pouca ambición. Vexo que se mantén nesa análise

—É a realidade, é o que está á vista de todo o mundo. É un clamor que ademais están confirmando con feitos. É a primeira alcaldesa ou o primeiro goberno que ten expedientes abertos por danar a praza do Obradoiro, en contra de informes de Patrimonio; a que ten o récord de débeda e morosidade en pago de facturas; a primeira que leva a Santiago a ser, segundo os datos estatísticos, a cidade máis insegura de Galicia; a primeira que non paga as facturas da gasolina da Policía Local e que tarda máis de seis meses en pagar os comedores escolares. E debe de ser o primeiro goberno de Europa que se opón a un itinerario ou senda verde. E na vivenda, o principal problema que padecemos hoxe en Santiago, despois de dez anos de CA, PSOE e BNG, a situación está peor que nunca.

—Pero, hai cuestións nas que se avanzou. Aínda que están pendentes de trámites, desbloqueouse o aparcamento do Clínico e a operación Peleteiro, aínda que a vostedes non lles guste a solución para a parcela do Ensanche.

—A solución para o Clínico é a que puxemos nós sobre a mesa, polo que quero pensar que este é un mérito compartido, non creo que nin sequera eles sexan capaces de dicir que é propio. Canto ao Peleteiro, a solución é a mesma de Noriega e de Bugallo. Non é a que compartimos nós, pero para chegar a este porto podían telo feito hai dez anos.

—A escaseza da vivenda e os seus prezos son a primeira preocupación dos composteláns. Vostede non está pola declaración de zona tensionada. Que propón?

—A declaración de zona tensionada, para nós é a peor solución posible. As políticas de vivenda deste tripartito levan dez anos esnaquizando o mercado da vivenda e con isto van rematalo, porque non vai solucionar nada e aínda vai asustar máis aos propietarios, e polo tanto o que vai haber é unha redución da oferta. Se con iso se consegue que haxa máis vivendas de maior calidade e a menor prezo, serei o primeiro en aplaudir, pero está á vista de todo o mundo que nunca estivo peor o mercado da vivenda en Santiago. E as nosas propostas son claras: modificar o PXOM para permitir a construción de máis vivenda; crear un banco público de alugueiro de vivendas con vivendas baleiras, permitir a conversión de baixos en vivendas en zonas como Conxo e modernizar e actualizar a normativa do casco histórico para evitar un casco deshabitado e con edificios en ruínas.

«Teño todas as enerxías postas en conseguir ser alcalde no 2027»

En materia de servizos básicos, Verea sostén que o novo contrato da auga debería estar xa en marcha e di que «a vagancia e falta de pericia e de xestión deste tripartito» está facendo que os cen millóns de euros que precisa a mellora do servizo «sigan sen estar a disposición de toda a cidade: é unha auténtica irresponsabilidade».

—A mobilidade está tamén nos primeiros postos das inquedanzas cidadás. E co contrato do transporte pendente, nove anos despois.

—Si, é a mellor foto do que supón este tripartito. Despois de catro anos de CA apoiado por BNG e PSOE, catro anos de PSOE e agora dous de BNG, non se sabe absolutamente nada. O único que sabemos é que no 2027, cando remate este mandato, non haberá en Santiago autobuses novos.

—O labor do PP non acada o aprobado dos composteláns, segundo a recente enquisa de Sondaxe. Un dato para reflexionar?

—Esa enquisa o que di é que temos unha estimación de voto dun 40 %, e a última maioría absoluta que houbo foi cun 43 %. Somos o único partido que sobe, enquisa a enquisa; os demais comezaron a baixar. E de cara ás próximas eleccións, a xente vai saber perfectamente o que vota: ou máis do mesmo, que é votar ao tripartito, independentemente de que votes a CA, PSOE ou BNG, ou que me dean a oportunidade de gobernar. Canto á valoración de líderes e traballo, a oposición ten a parte de fiscalización, de poñer o acento nas cousas que non se están facendo ben, o que ten sempre desgaste nesa valoración. En todo caso, as tendencias tanto de valoración propia como de oposición son ascendentes. Estar a tres puntos da maioría absoluta é un bo dato e hai que seguir nesa liña.

—Será o candidato no 2027?

—Traballo para ser alcalde no 2027 e para iso teño que ser o candidato. Por tanto teño todas as enerxías e as miñas forzas e intelixencia postas en conseguir ser alcalde no 2027.