A Cidade da Cultura anima ás familias a construír estruturas efémeras de refugallos

La Voz

SANTIAGO

CEDIDA

Será este sábado con entrada libre

26 jun 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

Sábado 28 • 11 a 14 y 16 a 19 horas • Entrada libre • A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convida as familias a participar sábado 28 de xuño no Gaiás en «Desafío de cartón», unha actividade lúdica e educativa que fomenta a creatividade a través do xogo con materiais de refugallo. Trátase dunha intervención efémera, coa que a Praza Central da Cidade da Cultura se encherá de elementos reutilizables para que persoas de todas as idades teñan a oportunidade de construír estruturas e xoguetes co único límite da súa imaxinación.

Con «Desafío de cartón» proponse sensibilizar sobre a reutilización de materiais e o impacto ambiental do cartón como residuo. A partir deste elemento, e con ferramentas como tesoiras, adhesivos ou retallos de tea, as persoas participantes poden construír libremente, experimentar e transformar o espazo mediante o xogo e a intervención colectiva, nunha actividade aberta á creatividade e á cooperación.

A proposta conta coa colaboración de Ikea e está desenvolvida por Basurama, un colectivo dedicado á investigación e creación no ámbito cultural e ambiental, con especial atención á reutilización e transformación de materiais.