
O Festival Abanea chegará a varios municipios galegos
10 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova co apoio da Xunta de Galicia. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias grazas ao convenio asinado coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou onte na Cidade da Cultura de Galicia na presentación do programa completo de Abanea 2025 xunto ás responsables do mesmo, Marta Alonso Tejada e Paula Quintas, ademais dos representantes institucionais dos concellos implicados, entre eles os alcaldes de Ames, José Blas García, e o de Outes, Francisco Calo.
A bailarina Andrea Castro presentou durante o acto a primeira fase do espectáculo «Lola y los lamentos», como artista seleccionada para o acompañamento bienal 2025?2026 co que o festival apoia procesos de creación de artistas emerxentes e que nesta edición terá como resultado a estrea de «A mona de seda», a peza de María de Vicente beneficiada no período 2024?2025.
O representante da Xunta eloxiou o gran momento creativo que está a vivir a danza galega hoxe en día, así como a capacidade do Festival Abanea de promover unha carteleira desde a perspectiva das linguaxes híbridas e en espazos abertos para acadar a máxima implicación da cidadanía. «Abanea apela directamente a todos e todas, saíndo ao encontro tanto do público familiar como organizando citas profesionais de interese para o máis especializado», expresou. Neste último aspecto, resaltou a importancia do Foro sobre distribución nacional e internacional, que terá lugar o 16 de xullo en Ames, tamén no marco do evento, para abordar a proxección exterior da danza galega.
Jacobo Sutil contextualizou o apoio da Xunta a Abanea como complemento doutras accións, «como a posta en marcha do primeiro programa integrado de formación e emprendemento en danza, un proxecto sen precedentes, con sesións de traballo titorizadas e un ciclo de conversas organizado xunto coa Fundación Paideia e a Fundación da Escola de Organización Industrial». Tamén fixo referencia a logros como o éxito da participación de dúas compañías galegas en Dança Valencia, a escolma por vez primeira de tres espectáculos producidos no país co selo de «recomendados» pola Red Española de Teatros e Auditorios para todo o ámbito estatal, a práctica total execución do Plan Integral para a Danza de Galicia ou a vindeira organización dun Foco Galicia na Quinzena de Danza de Almada (Portugal).
Arranca en Ames
O Festival Abanea arrancará esta cuarta edición o mércores 16 de xullo en Ames coa exhibición nos xardíns do Pazo da Peregrina das pezas «Alleo», de Colectivo Glovo (Galicia-Portugal), «Burnt», da compañía Lasala (Euskadi), e a estrea de «A mona de seda», creada por María de Vicente dentro do apoio bienal do festival da edición de 2024-2025.