
Na provincia da Coruña hai rexistradas unha corentena destas residencias
21 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Semella que non podemos vivir sen eles, mais, cando marchamos de vacacións, non sempre poden vir canda nós. Con todo, a alternativa non ten por que ser deixar aos nosos amigos peludos ao cargo dalgunha persoa de confianza; mentres que nós nos aloxamos no noso hotel, eles tamén poden desfrutar do seu propio resort. Na actualidade, a provincia da Coruña reúne unha oferta de 40 residencias caninas, tal e como figura no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos (Reganuz) da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Coma cada verán, a campaña estival volta a encher os hoteis caninos de toda a provincia e, con 277.094 cans censados nela, a demanda destes hoteis caninos é cada ano maior. Como conta Elena, da residencia Veiga do Ulla (Vedra), «este ano temos a ocupación ao 100%».
No que respecta ás tarifas destes centros caninos, sitúanse nunha franxa que vai dos 15 aos 22 euros, aos que se lle sube o prezo orixinal por servizos especiais (por exemplo, para cans minis ou dependentes) ou se se trata de festivos moi sinalados coma o 25 de xullo, nos que se adoita engadir un suplemento. Ao falar cos donos destas residencias para mascotas, a maioría coinciden en que as tarifas se deben manter durante todo o ano sen ter en conta a «tempada alta». Como contan dende a Veiga do Ulla, «temos clientes fieis todo o ano e veñen cando o necesitan».
Referirse aos centros caninos coma «hoteis para mascotas» pode semellar unha esaxeración, mais Lucía e Luis, propietarios do Lar do Can (Oleiros), téñeno claro: «nas nosas habitacións poderíase quedar perfectamente unha persoa». Ademais destas habitacións renovadas con cama e ventás de PVC, as súas instalacións abranguen amplos xardíns para o desfrute dos cans. Na Veiga do Ulla tamén insisten en que as súas habitacións son «completamente individuais, así como os paseos», o cal supón unha agradable estadía para os animais.
Ao contrario do que poida parecer, os servizos destes hoteis non se reducen só a cans, senón que moitos acollen todo tipo de especies. En El Bosque (Narón), como comenta Yadira, unha das xefas, contan con gateiras e zona específica para roedores, e admiten todo tipo de hóspedes: «Temos desde cans e gatos ata aves, cobaias, animais exóticos...».
Alén dos servizos habituais, adóitase ofrecer outros adicionais. No caso da Veiga da Ulla ofrecen servizos de lavado de mascotas, mentres que O Lar do Can proporciona tanto perruquería coma transporte.
Así, as residencias caninas supoñen un negocio en alza que aínda non atopou a súa cima.