O festival homenaxea no Museo do Pobo a tradición da poesía popular galega

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Valentín García, Goretti Sanmartín, Antón Santamarina, Alba Cid e Mauro Sanín, no acto de apertura do festival no Museo do Pobo Galego
Valentín García, Goretti Sanmartín, Antón Santamarina, Alba Cid e Mauro Sanín, no acto de apertura do festival no Museo do Pobo Galego Xoán A. Soler

Antón Santamarina explicou como se realizou a recompilación do cancioneiro

27 jul 2025 . Actualizado a las 17:44 h.

A tradición musical e a poesía popular dos cancioneiros, transmitida de xeración en xeración e personalizada polas cantareiras e pandeireteiras, forma parte da esencia do Trad Fest, e no festival celebrado onte quedou de manifesto con expresións tan destacadas como as que deixaron os grupos Tres Pesos, Faltriqueira, Chruinne, mesmo Baiuca na súa versión folktrónica. Máis aínda nesta edición, que coincide coa homenaxe ás cantareiras e á poesía popular oral decidida pola Real Academia Galega na conmemoración das Letras Galegas.

Con este motivo, o Trad Fest celebrou onte, por primeira vez na súa xa longa traxectoria, un acto institucional no auditorio do Museo do Pobo Galego, no que Antón Santamarina, lingüista, catedrático de filoloxía da USC e membro da RAG, en conversa coa poeta Alba Cid, puxo sobre a mesa a vitalidade da tradición musical popular de Galicia, enraizada nos cancioneiros que el mesmo investigou, facendo gravacións por todo o país, primeiro dende a súa perspectiva lingüística; e despois, a finais da década dos sesenta, interesándose pola música; dende 1978, traballando conxuntamente durante cinco anos coa musicóloga suíza Dorothé Schubart para crear a obra magna da especialidade, o «Cancioneiro popular galego», a máis ampla e rica recompilación de cantares tradicionais. Con anterioridade había cancioneiros, pero non unha «exploración sistemática en toda Galicia», explicou o profesor. Seiscentas cantareiras realizaron aportacións a esta investigación, que tivo multitude de informantes.

Santamarina remontouse á súa nenez en San Martiño de Suarna (A Fonsagrada) para detallar as súas primeiras lembranzas das cantigas que formaban o ambiente sonoro da súa familia. Tamén, como as cancións de Gardel, Miguel de Molina ou Imperio Argentina comezaron a suplantar a tradición popular de Galicia, «o país máis lírico do mundo», dixo citando a Cuevillas.

Esta charla con Antón Santamarina foi precedida dun acto de apertura do Trad Fest no que o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, salientou a «sensibilidade» que demostra o festival ao implicarse nun acontecemento cultural como é a homenaxe ás cantareiras e á tradición oral, que constitúe «un inmenso patrimonio cultural».

Pola súa parte, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, dixo que «dende o Concello queremos favorecer sempre que a música tradicional teña o seu territorio», e expresou o seu desexo de que nun futuro non sexan precisos festivais específicos como o Trad Fest, porque estas músicas estean «en pé de igualdade coas manifestacións musicais de todas partes do mundo».