
Repartirá este sábado tres mil racións do produto
01 ago 2025 . Actualizado a las 04:55 h.Mañá • Todo o día • Carballeira do convento franciscano • A parroquia de Herbón, no concello de Padrón, ten todo listo para celebrar mañá a festa gastronómica dedicada ao seu pemento, declarada de interese turístico de Galicia. Detrás da súa organización están os veciños que, ademais do traballo, fan achegas en metálico e máis os pementos que se degustarán na carballeira do convento franciscano, onde se celebra a festa. Son arredor de 1.500 quilogramos, que dan para servir unhas 3.000 racións ou algo máis. A organización pasará esta tarde polas casas, a partir das seis, para recoller os pementos. A cita inclúe a tradicional procesión agrícola motorizada dende a parroquia ata o centro da vila, cos tractores adornados con motivos sobre o pemento e a terra de Herbón. Á volta da procesión e trala entrega dos premios, será a hora do pregón que nesta edición —a número 45— corre a cargo de Nuska Alma, agricultora e creadora de contidos baixo o nome da Vella Chousa. Non faltará tampouco unha cantina para refrescar a boca ou a pulpería para acompañar aos pementos e o pan de millo, así como a música tradicional cos Mersenarios e de charanga con Noroeste. Pola noite a festa continuará no campo de fútbol coa verbena a cargo do grupo Unión y Fuerza, orixinario da parroquia, e do pinchadiscos Chito.