Ramón Vilar Landeira, mestre e escritor: «Non teño máis expectativa que divertir e facer reflexionar dende o desenfado»

rosa martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

BASILIO BELLO

O tamén xornalista recompila nesta obra 44 relatos atemporais publicados en La Voz

11 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Xornalista, docente e escritor, Ramón Vilar Landeira (Cerceda, 1973) vén de sacar o seu terceiro libro, Nós estamos ben, non?, unha compilación daquelas crónicas, maiormente con tintes autobiográficos, que entre os anos 2015 e 2017 foi publicando nas edicións de La Voz de Galicia en Santiago e Carballo: na sección de Inventarios ordenses, no primeiro caso, e Fóra de cobertura, no segundo. Son 44 relatos, moitos deles evocadores da infancia e a xuventude do escritor, pero que abordan con frescura e certas pingas de humor cuestións sempre actuais.

Precisamente, esa atemporalidade é a que determinou a escolma final cando a editora Espiral Maior lle propuxo recuperar parte deles nun volume para a súa colección Baldaio, logo de que Ramón se fixera co Premio Manuel Lueiro Rey no 2024 polo relato que precisamente abre o libro, A veciña do segundo, un artigo que mestura, non no seu contido, pero si na súa orixe, as súas vocacións xornalística, literaria e docente. Profesor de instituto dende hai uns anos, Vilar non atopou mellor forma que responder á invitación dos seus alumnos do IES Pastoriza, de Arteixo, para apadriñalos na súa gradación no 2024 que regalarlles un artigo en vez do habitual discurso para animalos a continuar coa súa formación persoal e académica ao entrar na idade adulta.

A veciña do segundo serviulle como exemplo desa construción de textos que traballaran no curso, pero tamén como unha lección de vida sobre a boa veciñanza e a solidariedade encarnada en Luísa, a veciña do segundo que Ramón e a súa familia tiñan en Ordes hai algo máis dunha década e que cos seus noventa anos enriba, e sobrelevando os efectos da crise económica que entón varría España, sempre estaba atenta ás necesidades que eles puidesen ter.

A través de Luísa, que lamentaba non ter nacido unhas décadas despois «para poder andar en coche, como as rapazas de agora», Vilar quixo recoñecer a esa xente que parece que «está xa de retirada, a que menos ten pero a que máis achega», e que os seus alumnos fosen conscientes de que se chegaban á universidade non era só polos poderes públicos, senón tamén «por esas xeracións que antes non puideron ter acceso, pero que contribuíron co seu traballo a que eles si».

Detrás dese, veñen outros 43 relatos baixo un título xenérico tan «aberto como intentan ser todos os relatos, non verdades absolutas, senón pequenas pedras que tiran contra o cristal e cada un vai evocando diferentes cousas», di Vilar, quen afirma que este libro, que «toca temas que considero importantes nos últimos anos, incluso nas últimas décadas», non busca «unha lectura profundísima», pero si «entreter, facer pensar» e incluso sacar «algunhas gargalladas». «O que lles digo aos meus alumnos é que o máis importante dun texto é emocionar, motivar e facer repensar» e esta obra «non ten máis expectativas que divertir e, tamén un pouquiño, facer reflexionar dende o desenfado».

Ramón identifícase como un escritor tardío. Non de vocación (esa acompañouno dende neno), pero si para publicar, aínda tendo gañado antes varios premios literarios. Non foi ata un momento vital de cambios persoais, que funcionou como unha especie de catarse, que sacou Os televisores estrábicos. Corría o 2014. Cinco anos despois chegaría Un peixe no parqué e agora, seis anos despois volve ás librarías con Nós estamos ben, non?, unha obra que dá a oportunidade a quen o seguiu entón a través das páxinas de La Voz de Galicia de desfrutalo de novo, agora cunha lectura continuada. Entre eses cambios persoais estivo a chegada do seu fillo maior, cuxo nome toma protagonismo nun deses relatos polas complicacións da avoa do escritor, xa centenaria cando naceu o bisneto, para pronunciar o seu nome.  

Estes relatos xurdiron de «cuestións que vía no día a día e me rememoraban outras etapas», di Vilar, para quen poden «cambiar os escenarios, pero o ser humano segue tendo as mesmas forzas motrices no día a día».