Volve Lanzadeira apostando polo talento xuvenil

Carla Tilve / S. L. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CEDIDA

Celebra este venres, na Praza 8 de marzo, a súa cuarta edición cos músicos Zeltia Irevire, Ginko Biloba, Patrik e Chiskeiro

21 ago 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

O festival Lanzadeira celebra a súa cuarta edición o próximo venres 22, ás 19.30, na que os músicos Zeltia Irevire, Ginko Biloba, Patrik e Chiskeiro animarán a Praza 8 de Marzo coas súas diferentes propostas.

Lanzadeira é unha iniciativa que busca visibilizar ás promesas musicais locais. Este ano, Patrik e o seu estilo country abrirán o festival, ao que logo seguirá o punk de Chiskeiro. Despois será o turno do rock alternativo de Ginko Biloba, e finalmente Zeltia Irevire será a encargada de pechar Lanzadeira co seu folk trivial.

Con esta nova edición do festival, o Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga volverá a exhibir ao talento que sae das súas aulas de música. Precisamente, o proxecto forma parte dun proceso formativo que procura a profesionalización dos grupos e artistas que utilizan os locais municipais de ensaio.