
O Museo Gaiás acolle ata o 7 de setembro unha mostra que reflicte fitos do movemento LGBTI
23 ago 2025 . Actualizado a las 04:55 h.«Historias LGBTI da Galicia Orgullosa». Ese é o título da exposición que se exhibe no Museo Gaiás con algúns dos fitos máis sobranceiros do movemento LGBTI galego. Xunto a imaxes históricas de casos coñecidos, como os de Elisa e Marcela, e outros menos coñecidos como os de Maruja Roca, Manolito Soler e Dalia Flores, figuran documentos de momentos históricos para o colectivo en Galicia. Entre eles están a primeira celebración, no ano 1980, do Día Internacional do Orgullo, o nacemento dos primeiros grupos de liberación homosexual e a posta en marcha das Comisións de Lesbianas da Asociación Galega da Muller (AGM). Entre eses documentos que se exhiben, precisamente, figura unha imaxe dunha manifestación o 8 de marzo de 1983 en Santiago coa pancarta: «Sexualidade non é heterosexualidade. Defendamos con orgullo o noso lesbianismo».
Pero o proxecto, que está impulsado desde a Xunta, vai moito máis alá dos paneis expositivos, xa que o obxectivo é «construír un relato máis diverso, máis efectivo e máis real» da historia galega. Para iso, tamén invitan a toda a cidadanía a achegar fotografías para configurar esa historia «máis completa, plural e diversa». Nese sentido, a doutora en Historia Contemporánea e activista LGBT que se encargou da curadoría fotográfica e leva anos traballando sobre a disidencia sexual en Galicia, Daniela Ferrández, destaca que en cuestións de historia, «está todo por facer. Se ollamos para o pasado ou pensamos en como foi, estas cuestións están ausentes e non é por casualidade. Están ausentes porque houbo un proceso de silenciamento de todo iso, un proceso de apartalo das memorias oficiais. É dicir, as persoas que están nesta posición raramente van ter unha rúa». Nese sentido, engade que «hai que seguir traballando» para transmitir este tipo de contidos, apuntando que a xente tamén ten interese: «Hai que saber que o Orgullo non é deste ano, nin do ano pasado, senón que xa se celebraba en Vigo no ano 81, e que no ano 83 na manifestación do 8M en Santiago xa estaban as lesbianas. Iso axuda a situar o feito de que a diversidade sexual e de xénero existiu tamén en Galicia, que parece que sempre falamos de historia hai que ir a Estados Unidos ou a Barcelona, pero aquí tamén pasan cousas e son parte do noso patrimonio democrático como sociedade».

Aínda que Vigo foi a principal referencia en canto a acontecementos sobranceiros desde os anos 70, xa que acolleu a primeira «gran festa gai», así como a primeira manifestación do Día do Orgullo, Santiago tamén ten un papel importante á hora de escribir o relato do colectivo LGBTI. «Santiago tamén é importante xa que como cidade universitaria acolleu moita xente de fora que se sentía máis libre nese impás que pode ser os estudos universitarios», detalla Daniela Ferrández. Destaca que en Compostela fundouse, despois dunhas xornadas de sexoloxía no ano 1980, un dos primeiros colectivos de liberación homosexual do país. Ademais, a Facultade de Historia acolleu as segundas xornadas de feministas lésbicas do país. Incide en que durante a década dos 90 «Compostela foi un fervedoiro» coa publicación de revistas como «Somos» para o colectivo gai e acollendo moitas reivindicacións e mobilizacións. «Santiago, ao final, foi unha burbulla para moitas persoas. Xente doutros puntos que se sentían no armario no seu propio lugar, chegaba a Santiago a vivir nun piso de estudantes e aí vivía libremente; dábase conta de quen era. Iso debémosllo á cidade de Santiago», afirma a investigadora.
O traballo de Daniela Ferrández vai máis alá desta mostra que agora pode verse no Gaiás. Tamén está preparando unha exposición co Consello da Cultura Galega que incidirá máis na historia do movemento. Esta chegará no outono a Vigo, pero a idea é que presente unha itinerancia.