De Ninghures abre en Santiago o día 6 de setembro o ciclo provincial Outono das Artes

La Voz

SANTIAGO

.

O programa prevé máis de 90 actividades polos concellos coruñeses ata final de ano

30 ago 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

Santiago acollerá o vindeiro 6 de setembro o concerto inaugural do ciclo Outono das Artes, que contará ata decembro con máis de 90 actividades de música, danza, teatro e audiovisual repartidas por varios concellos da provincia.

A banda De Ninghures actuará a partir das 21 horas no Campo da Conxo. Desta forma, a cita que forma parte do programa da Deputación da Coruña servirá tamén para «poñerlle o ramo ao centenario da anexión de Conxo a Santiago», resaltou a alcaldesa, Goretti Sanmartín, que onte presentou o ciclo acompañada pola responsable da área de Cultura do organismo provincial, Natividade González, así como artistas que participarán neste evento.

Ademais de en Santiago, o ciclo recalará durante o vindeiro mes noutros concellos da área compostelá. A compañía Morraoconto ofrecerá o seu espectáculo «Tromso» o día 19 na Casa de Cultura de Ordes (20 horas) e o día 20 no Auditorio Afonso Eanes do Cotón, en Negreira (21 horas).

Pola súa banda, o día 28 De Ninghures actuará no Paseo do Carboeiro en Oroso (14 )horas) e o Centro Cultural da Pontevella de Reis (Teo) acollerá o 25 aniversario de Donaire (19 horas).

A deputada provincial de Cultura, Natividade González, incidiu en que o Outono das Artes «é unha aposta decidida pola descentralización cultural, a accesibilidade á cultura e polo apoio ao talento galego, garantindo que a veciñanza de toda a provincia poida gozar dunha programación de primeiro nivel sen ter que desprazarse ás grandes cidades». A alcaldesa tamén fixo fincapé nese aspecto subliñando a importancia da descentralización da cultura chegando aos barrios.