Música e «586 cantos» para despedir «Cantareiras» no Museo do Pobo

La Voz

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O Museo do Pobo tamén acollerá un faladoiro sobre «O ollo de vidro», de Castelao

31 ago 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

O Museo do Pobo Galego afronta en setembro a despedida da exposición «Cantareiras. Oralidade. Creación. Transmisión» producida co gallo do Día das Letras Galegas. Pero para este mes final da mostra —pechará o día 28— programa varias actividades para acompañala. A primeira das citas será o día 13, ás 12.30 horas, no xardín do claustro cun concerto a cargo das pandeireteiras Raigañas. A formación foi creada en 1979 en Cerqueda (Malpica) para recoller e conservar a música popular.

Despois, o xoves 18, ás 19 horas, terá lugar a última visita comentada á mostra. As comisarias Isabel Vigo e Carme Campo actuarán como guías neste percorrido. A actividade —dirixida a persoas adultas e gratuíta— precisa de inscrición previa en servizosdeac@museodopobo.gal.

Para a clausura de «Canteiras», o Museo do Pobo acollerá o espectáculo «586 cantos). Trátase dun espectáculo audiovisual ao redor do «Cancioneiro Popular Galego», froito do traballo de investigación de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina. A proposta toma como punto de partida as gravacións sonoras orixinais de Schubarth, as fotografías, as transcricións de textos e as partituras depositadas no museo.

Por outro lado, o 25 de setembro, ás 19 horas, haberá un faladoiro a cargo da historiadora da arte Iria-Friné Vázquez Rivera sobre «Un ollo de vidro», de Castelao.

Ademais, o Museo acollerá o encontro da Federación Galeusca o 20 de setembro. A cita reúne a asociación de escritoras e escritores en galego, catalán e éuscaro, que abordarán temas como a literatura de tradición oral e a intelixencia artificial. Ademais, o día 27, será o escenario da cuarta edición do Encontro Olga Gallego de Arquivos, que versará sobre os arquivos e os desastres.

Por outra banda, o Museo recollerá o día 6 en Palas de Reis o premio Son d’Aldea.