
O festival Imperdible programa sete espectáculos en Santiago ata o domingo
02 oct 2025 . Actualizado a las 23:48 h.Imperdible, o Festival Internacional de Impro de Galicia, encara o núcleo central da súa programación con sete espectáculos desde mañá ata o domingo. Aínda que se se celebra por quinta, o seu director, Antón Coucheiro, resalta que, en realidade, «é unha cita que se está retomando», xa que as primeiras edicións foron en 2016 e 2017, despois regresou no 2021 e o ano pasado foi unha edición máis pequena. «Está quinta edición é o de volver a arrincalo», di. A intención é darlle estabilidade é que teña periodicidade anual. Mañá xoves haberá unha cita no Salón Teatro con «Improversións» tomando como referencia «A serie Clopen» do CDG. Despois, o venres haberá sesión doble na SGAE, o sábado na Escola Unitaria e o domingo, na Capitol.
—Cales son as novidades?
—Temos de novo compañías internacionais, como fora o primeiro ano. Hai de Colombia, de Portugal, de Madrid, de Mallorca/Arxentina e dúas compañías galegas. Ademais, abríronse dúas colaboracións. Unha co CDG, que son as Improversións, que será este xoves. Ademais, tivemos unha colaboración con Maré. A fin de semana serán as sesións dobres cunha compañía galega e outra internacional, agás o venres con dúas nacionais.
—Que achega esta presenza de compañías internacionais?
—O que nos interesa é que se vexan outras propostas, outros estilos. En Santiago hai moita programación de impro, con tres locais que teñen funcións semanais: os martes en Riquela, os mércores no Lucille e o xoves no Camalea. Entón, hai moito público de impro. O que traemos tamén son propostas diversas máis alá dos xogos e da impro deportiva que se fai nos bares. Entón, imos ver formatos máis longos, con historias máis complexas. Incluso as galegas ofrecen porpostas diferentes. «Absurdia», de TheMomento, é un cruce entre impro, o teatro de absurdo e o «clown». As Teimas estrean «Corpiño». Os portugueses Instantâneos traen a un filósofo que participa no espectáculo. Yllana fai impro xestual, todo sen palabras. Acción Impro de Colombia ofrece unha proposta vangardista e Global Impro fai un espectáculo máis de época.
—A que cree que obedece que a impro teña tanto éxito en Santiago?
—A que é moi aditiva, tanto para quen fai como para quen ve. Agora hai cinco compañías e, neste caso, a oferta xera a demanda. O público que vai a ver unha vez repite, repite e repite; non é o espectáculo que dis: «Xa o vin». Todas as semanas é diferente e volves a rir, a pasar ben. Ten esa potencia que sempre varía e sempre funciona, co cal a xente se afecciona. É exponencial o público que se fai. Está pasando en todas partes. O festival serve para poñer no mapa a Santiago. En Santiago, con «Improversións» tamén se está levando ao teatro. Ademais, fixéronse cursos coa Universidade este verán e o pasado; é a única formación regrada.
—Cal é o segredo para ser bo improvisador?
—O único secreto é escoita, calma e adestramento. É o máis parecido ao que pode pasar cun deporte. Un partido de fútbol non o ensaias, porque non sabes como vai ser; pero adestras para o día do partido saber xogar ben. Entón, na impro é practicar para manexar os tempos, a voz, a trama...