O Milladoiro acollerá do 5 ao 8 de decembro a Mostra de Teatro Afeccionado

La Voz

SANTIAGO

.

Ofrecerán representacións grupos de Ames, Brión, Muxía e Santa Comba

18 nov 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

Grupos de Ames, Brión, Muxía e Santa Comba protagonizarán a nova edición da Mostra de Teatro Afeccionado de Ames, que se celebrará no auditorio da Casa de Cultura do Milladoiro entre o 5 e o 8 de decembro.

A encargada de levantar o pano o día 5 será Teatro das Maniotas, a agrupación escénica do IES de Brión, que presentará a peza «Terapia real». O sábado 6 será a quenda de «As arteiras maneiras de María Volpona», da Escola Municipal de Teatro de Muxía. O domingo 7, Sen Cancelas Teatro, de Santa Comba, representará «Un travía chamado desexo». O peche será a cargo do Grupo Municipal de Teatro de Ames, que ofrecerá «Soño dunha noite de San Xoán».

Todas as representacións comezarán ás 19 horas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro coa excepción da primeira cita, o venres 5, que será ás 20.30 horas. As entradas están dispoñibles na Billeteira electrónica.

O Concello retomou no 2024 esta proposta que ten como obxectivo poñer en valor os grupos de teatro non profesionais. «Poder recuperala despois de moitos anos é unha alegría e unha satisfacción. A calidade das obras que participaron o ano pasado foi moi boa», dixo o alcalde, Blas García, recordando que do teatro afeccionado sae o profesional.