O grupo formado por catro galegas-belgas actúa este mércores na Casa de Rosalía na súa xira dos 25 anos
18 nov 2025 . Actualizado a las 04:55 h.«Falamos en galego cun pouco de acento belga por iso temos que vir pisar terra», afirma Marisol Palomo, que xunto con Verónica Codesal, Natalia Codesal e Eva Fernández conforman Ialma, un grupo asentado en Bruxelas que ten na tradición galega a súa esencia. Por iso, agora que están celebrando o seu 25 aniversario, decidiron iniciar a xira conmemorativa en Galicia. «Era moi importante conectar coa nosa xente», engade a integrante da formación. O seu próximo concerto será mañá mércores no auditorio da Casa-Museo de Rosalía en Padrón (19.30 horas), onde volven despois dunha década. A entrada é gratuíta ata completar a capacidade.
Este grupo de «galegas no mundo», como elas mesmas se definen, resaltan que «a música galega funciona no mundo enteiro. Todos se poden recoñecer nela porque un ritmo de muiñeira existe na música tradicional de calquera país. A gaita está presente tamén en moitos lugares». Precisamente, Verónica Codesal fixo soar unha gaita galega en Eurovisión cando representou a Bélxica hai dúas décadas neste festival. Ademais téñeno claro: «Aínda que non entendan o galego, nós levamos o sentimento».
As integrantes de Ialma, ademais, tratan de exercer de embaixadoras de Galicia alá por onde van, intentando que tamén conviden a grupos da terra en festivais doutros países. Nese ámbito de colaboración, Verónica Codesal destaca que «sempre nos sentimos arroupadas polos músicos galegos» a pesar da distancia. Proba dese intercambio e desa interconexión que queren manter enmárcase a participación no concerto deste mércores de Adrián Méndez, membro de De Ninghures, así como Montse Rivera, de Leilía. En Carballo, onde actuarán o día 20, contarán con Uxía.
As integrantes de Ialma, xunto aos músicos que as acompañan, estiveron no pazo de San Roque para presentar esta xira acompañadas polo secretario xeral da Lingua, Valentín García. O membro da Xunta destacou que Ialma é un grupo «moi especial» pola «representatividade que elas sustentan da nosa lingua e da nosa cultura dentro e fóra de Galicia. Engadiu que «onde está Ialma, está a nosa terra».