Seguramente non será doado crer o que vos vou contar, a non ser que sexades de andar de festa máis aló das 4 da madrugada ou residades nalgún dos 11 puntos negros da miña xeografía. Sexa coma for, todo o que aquí vos conto está nas hemerotecas da prensa local. A pesar de ter cumprido xa os 65 anos e de que o 24 % da miña poboación supera esta idade, sigo sendo Nova. Porque a miña poboación segue a ser nova, na súa maioría. Nacín co babyboom dos anos 60, un pouco ás présas coma así reflexa a calidade das miñas construcións. Aquí investiron os seus aforros moitos emigrantes das comarcas limítrofes a Compostela cando comezaba a estar de moda investir no cemento. Moda que nunca cesou.
Aquí comezaron vivindo os seus soños moitos daqueles 40.000 estudantes universitarios. Nunha Zona Nova en ebulición de enerxía e xuventude. Pasei unha mala coa época coa entrada da heroína polas miñas rúas. Corrían os loucos anos 80 e a droga fixo anacos moitos daqueles soños xuvenís. Pero a presión veciñal forzou a creación daquela Brigada Nocturna da policía local para facer fronte á desfeita e a inseguridade provocaba pola droga. Foi daquela cando naceu a Asociación Veciñal Raigame. Coma se fixeran falta problemas para unir á veciñanza.
Despois daquela, veu a creación das novas universidades e as novas xeracións universitarias repartíronse polos tres Campus de Galicia. Os meus pisos ían envellecendo pero os seus propietarios non os reformaban coa présa que exixía a mocidade estudantil, polo cal esta tivo que buscar vivenda noutras zonas da cidade máis novas e de menor custo. Ao pouco apareceu unha nova moda máis rendible que o alugueiro por curso; os pisos turísticos. Aló foron máis de 1000 pisos, moitos deles no meu barrio.
Foi tamén a época das moitas reformas de pisos e edificios. Unha operación necesaria de chapa e pintura. Pero foi a chegada dunha nova poboación estranxeira con familias máis novas e numerosas a que veu nestes pisos grandes da zona nova unha acaída residencia onde comezar a facer realidade os seus soños; e así foi coma rexuvenecín novamente facendo honra do meu nome. Algunhas persoas desta nova poboación foron collendo traspasos de bares e cafetarías, montando salóns de peiteado, bazares, tendas de alimentación e centros de estética por conta propia. Pero as que máis, teñen que conformarse con postos de traballo por conta allea con contratos precarios e soldos baixos en traballos relacionados coa crecente demanda turística ou coma traballadoras domésticas e coidadoras da nosa envellecida poboación, moitas delas sen contrato. Unha poboación que aumentou un 60% dende o 2021 e fixo que a cidade superara oficialmente os 100000 habitantes. Pero con todo, sempre estivemos afeitos á vida nocturna universitaria e ás incomodidades e ruídos dos seus negocios de ocio nocturno.
Foi despois da pandemia cando as tornas cambiaron. Temos que lembrar a batalla campal con máis de 2000 persoas implicadas no 2021 enfrontadas á policía ás portas do Ruta ou os graves problemas provocados pola clientela de La Facultad (antigo Liberty) que fixo que varias veciñas tiveran que mudar de vivenda polo calvario que tiveron que sufrir. Ese tamén foi o caso de Alicia en Santiago de Chile ou Eduardo enriba do Guayaba. Moitas outras veciñas seguen a padecer o seu inferno nocturno coma Carme, Ana e Fernando, enriba do
Gabbana. Andrea, Lucía e Joaquín enriba do Blaster. Mar enriba do Vanitas. Esther, Marga e Celsa enriba do Stilo. Manuel, Andrés, Clara e Pepe, enriba do TNT. Antonio, Lourdes e Juan enriba do 24H O de Sempre. Jose, Fernando e Moncho enfrente de La Grandota. Asunción, Eva, Enrique e Antonio enriba de Circus e The Capital. Luz e Amparo enriba da Sala Moon... e moitos casos anónimos máis.
Agora sumémoslle os problemas derivados do tráfico de drogas en garaxes e lavandarías ou nos pisos do nº 5 de Santiago de Chile ou do nº 6 de Alfredo Brañas nos que se trafica con sospeitosa impunidade. Sumemos tamén a agresividade que se vive na sociedade e que se manifesta de día ao volante, nos centros de saúde e nas escolas, e que se multiplica de madrugada cando se consome demasiado alcohol e drogas.
Unha vez sumado todo poderemos explicar o porqué no 2022 se enfrontaron ás portas do TNT un peruano, un colombiano e un senegalés con botellas de vidro rotas. Ou no 2023 cando morre o mozo dominicano acoitelado por dous mozos colombianos ás portas do Grandota, ou o caso doutro mozo dominicano acoitelando a outro ás portas do Vanitas. Ou cando ese mesmo ano un rapaz marroquí é acoitelado na Alameda. E tamén na Alameda este novembro pasado un mozo compostelán acoitela a outro. Por non falar do inferno sufrido dende o 2017 pola veciñanza do Stilo case todas as fins de semana e que se saldou este pasado mes coa redada policial a este bar e ao TNT, incautando neles drogas e unha chea de armas brancas.
Isto é só a punta do iceberg dun problema de moita máis grande dimensión do cal as autoridades políticas e policiais son coñecedoras. Se lle sumamos a impotencia policial e a pasividade da alcaldía, teremos unha explicación bastante certeira do porqué desta situación. No entanto tamén é evidente cal é a solución.
Xosé Manuel Durán Orús é o presidente da Asociación Veciñal Raigame