
A campaña para activar o uso da lingua propia pechou a terceira edición cun incremento de participantes
15 feb 2025 . Actualizado a las 05:05 h.O programa «Modo galego, Actívao!», impulsado polo Concello de Ames e a Real Academia Galega para estender o uso da lingua propia nos espazos educativos, rematou este ano cun acto no colexio de Barouta. Na convocatoria, á que acudiu o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, tivo especial protagonismo o grupo de música local As Maianas, autoras da canción «Falo galego porque quero!», creado precisamente para este programa, que superou a terceira convocatoria con máis participación, xa que nesta ocasión sumouse ao modo galego o alumnado de infantil e primaria e, como novidade, o de primeiro e segundo curso da ESO.
«O obxectivo foi que neste ano, no que a música tradicional vai ser protagonista do Día das letras Galegas, se activase tamén uso do galego cantando e bailando dun xeito lúdico e festivo», sinalou o Concello. Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, confirmou o éxito da iniciativa ao constatarse «unha maior adhesión, tanto dentro como fóra das aulas».
Blas García, rexedor amesán, adiantou que a campaña terá continuidade para reforzar o uso do galego e o conselleiro José López sinalou que «esta é a fórmula para normalizar o uso do galego e que o interioricen».