
A primeira actuación será o domingo 13 de xullo, con A Banda da Loba e dos Castros
04 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.As inmediacións da igrexa parroquial de Biduído acolleu a presentación da cuarta edición do programa municipal de «Música nas parroquias», que desenvolve o departamento de Cultura de Ames ao longo de todo o exercicio 2025. Dende xaneiro ata outubro o Concello sufraga máis de 40 actuacións solicitadas por asociacións e comisións de festas de Ames. En total invístense 63.289,05 euros, dos cales 2.876 euros proceden dunha subvención do programa Cultura no Camiño e 11.412,40 euros achégaos a Rede Cultural da Deputación da Coruña.
As actuacións programadas para os meses de verán e outono comezan o domingo, 13 de xullo, coa actuación de A Banda da Loba e dos Castros na XIX Festa do chourizo ao viño, en Ortoño. Ademais, o grupo Airiños do Paseo de Colón actuará ese mesmo día, 13 de xullo, nas festas de San Cristobo en Tapia. O domingo, 20 de xullo, actuarán na festa do Carmen, en Bugallido, a Coral polifónica de Bugallido e mailos Retranqueiros. Ademais, o martes, 22 de xullo, Os Retranqueiros estarán nas festas da Madalena, no Milladoiro.
No mes de agosto, o sábado 2, Os Retranqueiros volverán actuar nas festas da Madalena, no Milladoiro. O domingo 3 tamén estarán nas festas da Madalena, no Milladoiro, a banda de música de Padrón e mailos Castros; mentres que a Requinta da Amaía actuará nas festas do Sacramento de Tapia. O luns 4 o grupo Airiños do Paseo de Colón actuará nas festa da Madalena no Milladoiro.
Nas festas da Peregrina, en Bertamiráns, estarán o sábado 9 de agosto a Requinta da Amaía e a coral Lojo Batalla, mentres que o domingo 10 actuarán a banda de música de Calo e mailo grupo Airiños do Paseo de Colón. Ese mesmo día, 10 de agosto, os Castros e a coral Lojo Batalla estarán nas festas patronais de Agrón.
Por outra banda, o venres 15 de agosto, a Requinta da Amaía estará nas festas patronais de Biduído, e a coral Lojo Batalla nas festas patronais de Trasmonte. O sábado 30 de agosto a Requinta da Amaía actuará nas festas patronais da Ameixenda.