«O monte debe ser rendible e sostible»

Uxía López Rodríguez
Uxía López DODRO

DODRO

PACO RODRÍGUEZ

A comunidade da parroquia de San Xoán de Laíño, en Dodro, está facendo un peche para meter gando e que siga limpando

25 abr 2025 . Actualizado a las 19:36 h.

 A Comunidade de Montes en Man Común Cruz do Avelán, da parroquia de San Xoán de Laíño, en Dodro, pode ser un exemplo de xestión forestal da man da directiva máis nova que tivo, cunha media de idade duns trinta e pico anos. En outubro cumpren catro anos ao fronte da entidade e, pasado ese tempo, o presidente Jacobo Rodríguez cre que a xestión deu os seus froitos e fala de que «o monte nunca estivo tan limpo», algo que tamén lle transmiten os propios comuneiros, di. «Os veciños comprobaron que se pode ter o monte máis limpo do que estaba», asegura o responsable da entidade, que non ten convenio coa Xunta, e que ten claro que non se pode depender das subvencións públicas. «Poden ser una axuda para superar un momento dado, pero o monte ten que ser por si mesmo rendible e sostible», sinala Jacobo Rodríguez.

Entre as tarefas acometidas nestes catro anos, ademais da limpeza das zonas máis próximas aos núcleos habitados, destaca a contratación dunha persoa durante todo o ano, neste caso a veciña de Teaio Montserrat Castro, para tarefas de desbroce precisamente nas áreas máis pegadas ás aldeas e tamén a espazos comúns.

Non obstante, un dos grandes proxectos está en marcha agora mesmo: a construción dun peche no monte no entorno das aldeas de Bustelo, Teaio e A Devesa para meter animais e que manteñan limpa a superficie forestal. Son, en total, case 150 hectáreas nas que os propios comuneiros poden meter gando pero, dado o baixo número que poderían aportar, a entidade xa ten un acordo cunha gran gandería para ter alí os seus exemplares de vacún. O peche dá para ter uns 200 animais. A construción, que está totalmente subvencionada pola Xunta, comezou na aldea de Bustelo e logo continuará nas de Teaio e A Devesa co que a comunidade conta con telo rematado no verán.

A maiores, Jacobo Rodríguez destaca as actividades cos centros educativos do concello, pero tamén de fóra, para participar en plantacións de árbores. Outra acción que resalta é o reparto de axuda social a entidades do municipio, de modo que no 2024 dedicou a ese fin 80.000 euros. A entidade tamén axudou no cambio do tellado do local social e fixo un peche novo do merendeiro da Cruz do Avelán, no que este ano renovará o parque infantil.

En canto ao monte, que suma preto de 1.000 hectáreas, está todo plantado, salvo as zonas que van ser pechadas, na súa maioría con piñeiro, unha especie que en Dodro ten maior calidade por ser no seu día seleccionada no semilleiro que houbo no municipio, segundo explica o presidente da comunidade de montes.

A directiva máis nova da Comunidade de Montes Cruz do Avelán ten, de media, uns trinta e pico anos, con veciños de tódalas aldeas e cun rango de idade que vai dende os 20 aos 80 anos. Na imaxe, parte da directiva, antes da recente asemblea no local social do Montiño