Xabier Díaz anima a Dodro a recopilar o seu propio cancioneiro

Uxía López Rodríguez
Uxía López DODRO

DODRO

CEDIDA

O músico e investigador presentou o seu último libro no colexio deste concello  

25 abr 2025 . Actualizado a las 10:42 h.

O músico, investigador e divulgador Xabier Díaz estivo o mércores pola tarde no Centro Público Integrado (CPI) Plurilingüe de Dodro para presentar o seu libro disco titulado Cancioneiro galego serodio (1989 - 2012), nun acto no que foi presentado polo concelleiro de Cultura, Ramón Abuín, e polo alcalde Xabier Castro. Dodro está moi presente nese libro de recollida de copas por toda Galicia, xa que inclúe algunhas aportadas por veciñas das aldeas de Reboiras e Teaio. Unha delas, Isaura, do segundo núcleo, estaba presente no acto. 

Xabier Díaz explicou que, no caso de Dodro, lle chamou «poderosamente a atención» o feito de que as tocadoras sabían moitas tríadas, «moi bonitas e mesmo retranqueiras» e incluso falou de que pode ser o sitio que máis ten deste tipo de composicións. Na súa viaxe por toda Galicia, tamén comprobou que as mulleres de Reboiras, aldea na que el participou persoalmente na recollida de melodías, tocaban «coa man cambiada», de xeito que collían a pandereita coa man débil (esquerda) e usaban a diestra para articular, ao revés do que soe ser habitual. Este é un rasgo, dixo o artista musical, propio de zonas de Padrón, Carcacía e Cuntis. 

Para rematar a presentación, Xabier Díaz animou a que, dende o colexio, se animase aos alumnos a que falasen coas súas avoas e bisavoas para seguir recollendo as coplas que saiban, de modo que este concello poida ter o seu propio cancioneiro, «para salvar un patrimonio que non se ve», dixo o artista musical.