Eladio Santos: «En España hai moita presión á hora de facer letras de canción

La Voz

MELIDE

PACO RODRÍGUEZ

Eladio y Los Seres Queridos actuarán a próxima semana en Santiago e Melide

18 oct 2018 . Actualizado a las 04:55 h.

Eladio y Los Seres Queridos actuará o próximo día 27 na sala Moon en Santiago e un día antes en A Fundación, en Melide, en dúas actuacións da Rede Galega de Música ao Vivo, antes de emprender xira fóra de Galicia co disco Historias de caza. Esta banda volveu a gañar o Premio Martín Códax ao mellor grupo de música pop/indie, revalindando o do 2013. «Foi unha gran sorpresa e senta moi ben. É un premio votado por outros músicos, o que é unha mostra de cariño», afirma Eladio Santos.

-Case un ano con «Historias de caza». ¿Que balance fan?

-Despois de Cantares, é o primeiro disco de repertorio propio que gravamos na casa. Confirmou que o podiamos facer, que era unha cuestión importante para nós. Historias de caza era un reto a máis niveis que o artístico. Gravalo nós, producilo nós e que fora sostible, xa era un logro tremendo; e, aínda por riba, funciona ben.

-É a primeira vez que veñen a Santiago con este disco, máis alá do festival O Son do Camiño. ¿Que vai atopar o público?

-Sempre facemos unha mestura. Será case todo Historias de caza, algunhas de Cantares -en Galicia sempre metemos máis- e unhas das de sempre. Para Santiago estamos intentando, incluso é posible, cantar unha nova. Unha estrea mundial. Xa levamos un ano practicamente con Historias de caza e xa temos bastante material novo. Nos ensaios xa o estamos probando, incluso algunha peza a empezamos a gravar. Sempre fai ilusión ter algún tema novo.

-¿Xa hai novo disco á vista?

-Non teño nin idea. Antes de gravalos na casa, sacabamos un disco cada catro anos. Ao principio, fomos bastante lentos e acostumámonos a espremelos ben. Ao noso nivel, os discos duran algo máis que un ano. O que pasa é que temos novas cancións así que para o ano 2019 algo haberá.

-Agora espéralle xira por Madrid, Zaragoza, Barcelona, Bilbao..., pero ao longo de todo o ano tampouco pararon e volveron a recibir o Premio Martín Códax. ¿É ano de referencia?

-Si, pero eu téñolle moito apego aos anos en sete. Na miña carreira musical, o ano sete, foi o que marcou un antes e un despois. Eu empecei a tocar no ano 87 e os primeiros discos largos foron no 97. Despois, no 2007 foi o primeiro de Eladio y los Seres Queridos e no 2017 foi un pouco no que recuperamos o control. Somos un grupo que xa non se pode falar de grupo promesa, senón que somos un grupo xa alcanzando o rollo pureta, case. E no 2018 asentámonos como banda, pasámolo ben e foi un ano de recoller cousas.

-¿Seguirán facendo vostedes os próximos discos?

-Pois non o sei, ao mellor, chega un momento en que pensamos que necesitamos produción. Pero, de momento, non precisamos. Gravar na casa é moi estimulante. Pode chegar un momento en que pensemos en crear unha especie de híbrido. Se temos o control do estudio e podemos levar o que gravamos para casa, non temos ningún problema. O que me pasa é que me gusta é controlar o resultado final. En principio, creo que o arranque do disco sempre vai ser así. O importante é que sexa estimulante e pasalo ben. Non se pode gravar sufrindo; se hai gozo, se hai maxia, iso, ao final, queda gravado. Non é todo micros e estar illado, porque ¿que hai de malo que se meta un ladrido dun can nunha canción?

-Introduciron letras doutras persoas. ¿Van facer o mesmo no próximo disco?

-Agora mesmo hai algunha a medias, pero penso que non vai haber tantas. Ademais, versións de momento non hai. O novo disco vai ser máis lírico. En Historias de caza busquei ser un letrista nada pretencioso, moi musical e moi popular. Entón, se a rima era obvia, deixábaa. Creo que estaba contaxiado por Cantares porque a lírica popular é a máis bonita que hai. Moito máis que tentar ir de superpoeta, de ser críptico e pretencioso, creo que o próximo disco vai ter moita importancia a letra, pero sempre sen perder a musicalidade. En xeral, en España hai moita presión á hora de facer as letras. Aquí todos queren ser un Joaquín Sabina, un Josele, todos queren ser grandes letristas e, ás veces, non todos o podemos ser. Fuxín desa presión de querer intelectualizar demasiado.